O BNG insta ao Goberno a parar o desmantelamento da Axencia Tributaria mentres non teñamos a propia da Galiza

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas  pide a permanencia das unidades da AEAT de forma suficiente e descentralizada ao longo do territorio galego mentres non haxa  unha facenda galega propia e garantir á  atención presencial ás persoas usuarias

A deputada do BNG, Noa Presas preguntou hoxe ao goberno galego  que accións vai emprender contra o “desmantelamento encuberto” da atención da Axencia Tributaria en Galiza e instou ao goberno galego a mediar ante o goberno do Estado para garantir a presenza das unidades e atención ás persoas usuarias “mentres en Galiza non contemos cunha facenda propia”, manifestou.

Os datos, dixo Presas “son alarmantes”, un  37% do recorte de persoal entre os anos 2000 e 2017 reduciu de maneira drástica a capacidade de atención ao público, insuficiencia na  atención telefónica e  trámites que por seguridade e confidencialidade non se poden facer por teléfono.

Por outra parte,  a práctica  de pedir cita previa para calquera tipo de xestión obriga  ás persoas usuarias a  desprazarse. A estratexia é clara, apuntou Presas  “empeorar  o servizo cada vez máis e  forzar  a que cada usuario ou usuaria acabe indo a unha xestoría particular”.
 

Esta  situación , engadiu, provoca graves consecuencias na poboación rural e a longo prazo pon en risco a atención dos servizos públicos como xa  acontece en Santiago coa derivación de usuarios e usuarias a Coruña. “A atención presencial segue a ser unha necesidade que non se pode eliminar e representa un dereito que debe estar garantido polos poderes públicos”, recalcou a deputada.

Ademais, tamén preguntou se a Xunta avaliou a necesidade de asumir, a través da ATRIGA, máis competencias en materia tributaria e si considera que a “rexionalización” dos servizos e funcións distribúe de forma adecuada a carga de traballo entre o cadro de persoal e  entre as localidades do territorio, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG