O BNG inicia a recollida de sinaturas contra o peche en agosto do xulgado de violencia machista da Coruña

Ana Pontón e a portavoz municipal Avia Veira
Ana Pontón e a portavoz municipal Avia Veira

Ana Pontón lamenta que a  carta de presentación  do Pacto contra a Violencia de xénero do Estado sexa o peche  dun xulgado específico de violencia   por falta de xuíz ou xuíza durante o mes de Agosto

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón participou hoxe na campaña de recollida de sinaturas, iniciada por esta forza política na comarca da Coruña contra o peche en agosto do Xulgado de Violencia sobre a muller por falta de xuíz.

A nacionalista denunciou a situación no xulgado, da que dixo, “afecta gravemente a protección e seguridade e funcionamento da xustiza nun ámbito  tan importante como é a loita contra a violencia de xénero” e non é de recibo que non haxa un ou unha xuíza substituto para manter abertos os xulgados de xénero os doce meses do ano. “No período vacacional prodúcense picos  de violencia de xénero e resulta  inconcibible que xusto nesta época os medios xudiciais permanezan baixo mínimos e os xulgados pechados por vacacións”, apostilou.

Por outra parte, Pontón rexeitou as escusas do Ministerio de Xustiza argumentando problema de recursos cando o Goberno central acaba de “incrementar en máis de 7.000 M€ os fondos para armamento militar”.

Ana Pontón asinacontra o peche do xulgado de violencia  (1)Tanto o goberno central como o galego, explicou Pontón ,  están a demostrar que a xustiza contra a violencia de xénero non forma parte das súas prioridades na axenda política. Neste sentido,  lamentaou que “a carta de presentación do Pacto contra a Violencia de Xénero no Estado sexa o peche dun xulgado durante os meses de verán” e preguntou para que   valen os acordos no Parlamento galego e  Congreso cando estamos a comprobar que cada vez contamos con menos medios. Dende o BNG “non imos a ficar calados e caladas e facemos unha chamada a toda a sociedade para involucrase na denuncia desta situación”. Si a violencia de xénero é exercida durante todos os días do ano, “os medios para loitar contra ela deben ser efectivos  os 365 días tamén”.

O peche do xulgado da Coruña está a provocar a dilatación das ordes de alonxamento e “hai vidas que dependen destas medidas”. Esta campaña é unha chamada de atención e reclamamos unha lexislación que “blinde os xulgados de xénero para que permanezan abertos todo o ano”, recalcou a portavoz do BNG.

A xunta “debe implicarse e deixar o conformismo coas decisións do Goberno central” e lembrou que no mes de xaneiro todas as forzas políticas galegas reclamaron no Parlamento “máis medios para os xulgados e mellorar a asistencia xudicial”. A Xunta é responsábel do que está acontecendo coa falta de medios porque “nin reclama nin presiona sobre esta competencia”.

Pola súa parte, a portavoz municipal do BNG na Coruña, Avia Veira reiterou que a campaña de recollida de sinatura ten por obxecto que a   Xunta actúe  ante o Ministerio de Xustiza para  substituír o xuíz do xulgado contra a violencia a muller nesta cidade en período de vacacións e cualificou de “escándalo” que deba ser un xuíz ou xuíza, “non especialista en violencia” o que deba asumir, ademais dun  grande número de casos ordinarios  os específicos contra violencia de xénero.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG