O BNG inicia o proceso para designar a candidatura á Presidencia da Xunta

XVI Asemblea Nacional
XVI Asemblea Nacional
Tras os resultados das Eleccións xerais do 10N, O BNG  encara o proceso electoral en Galiza como unha forza á alza, que suma, con ánimo e  coa confianza  de acadar o apoio de todos os galegos e galegas que apostan por construír unha Galiza diferente e con futuro

O Consello Nacional do BNG inicia o vindeiro sábado, 16 novembro, o proceso para designar á candidata ou candidato á Presidencia da Xunta de Galiza nas eleccións ao Parlamento galego, previstas para o ano 2020. Co ánimo de ir a por todas, o BNG encara as eleccións galegas como unha oportunidade para abrir un tempo novo en Galiza que  remate con 10 anos dun PP que aplicou políticas lesivas e deixa a Galiza sumida nunha crise industrial e cos servizos públicos deteriorados. Fronte este fracaso, o BNG ten un proxecto de país ambicioso, con confianza en Galiza e  que aposta por  potenciar os sectores produtivos, a ciencia, a innovación e avanzar nos dereitos socias, económicos e de igualdade.

Co proceso de designación de candidato ou candidata á Presidencia de Galiza, cada militante do BNG pode presentar a súa candidatura, e participar na votación. Todos e todas as militantes que non poidan asistir á asemblea comarcal ás que están adscritos poderán participar a través do sistema telemático,entre os días 4 a 13 de decembro.

As candidaturas contarán cun aval de 200 militantes  e cada militante poderá avalar unha soa candidatura. A Executiva Nacional do BNG porá a disposición das sedes comarcais e das candidaturas os pregos oficiais para a recollida dos avais necesarios.

As candidaturas serán presentadas entre o 26 de novembro e o 2 de decembro na Sede Nacional do BNG e deberá contar coa designación dun/unha apoderado e un/unha suplente para representala.

Tras verificar os avais, a Executiva Nacional do BNG dará por concluído o proceso para a  proclamación de  candidato ou candidata á Presidencia da Xunta de Galicia nas eleccións do  2020.

A militancia do BNG escolle a candidatura á Presidencia da Xunta de Galiza

Entre os días 4 a 13 de decembro as asembleas comarcais  presentarán e aprobarán  as   candidaturas. No caso da  militancia do BNG na emigración poderá exercer o seu  voto de maneira telemática e con garantías de privacidade, despois de seren previamente informada por vía electrónica das propostas  presentadas e  que poderán votar, entre os días 11 e 13 de decembro.

O proceso rematará cun escrutinio final que será trasladado ao Consello Nacional, órgano colexiado do BNG e encargado de facer público o día 11 de xaneiro a candidatura co maior número de votos.

O proclamación do candidato ou candidata do BNG á Presidencia da Xunta de Galiza nas eleccións do 2020 será presentada  nun acto nacional nos primeiros días  do mes de  xaneiro.

A proposta para abrir o proceso de elección de candidato ou candidata á Presidencia da Xunta de Galiza que será debatida na reunión do Consello nacional do BNG, o vindeiro sábado día 16 de novembro, pode estar suxeita a cambios
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG