BNG inicia a elaboración do programa municipal marco cunha rolda de encontros sociais nos concellos do País

Ana Pontón
Ana Pontón

O programa dará alternativas aos problemas comúns dos pequenos e medianos municipios: deterioro dos servizos públicos, despoboación, falta de oportunidades para a xente nova, fenda tecnolóxica ou abandono rural

Pontón defende un cambio galego para unha Galiza en grande, concello a concello, e aposta por estender o modelo municipal de éxito do Bloque

BNG arrancou unha ampla rolda de encontros sociais para coñecer de primeira man cales son as necesidades e as cuestións que máis preocupan nos pequenos e medianos concellos e incorporalas ao programa electoral municipal marco que presentará de cara ás próximas eleccións municipais.

No marco desta rolda, a portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro aberto en Lalín coa veciñanza e tecido asociativo do concello no que avanzou que o programa ofrecerá alternativas e solucións a problemas que, tal e como evidencian os encontros que se están desenvolvendo, son comúns a moitos destes municipios, como é o caso do deterioro dos servizos públicos, en particular da atención primaria, pero tamén de todo o relacionado coa conciliación familiar, como a atención ás persoas maiores, cunha rede de centros públicos de día e de residencias con todo o equipamento necesario.

Pontón sumou a isto a despoboación do medio rural, da que dixo ten atrás en boa parte “o recorte de recursos que se teñen producido nos últimos anos”, a falta de oportunidades para a xente moza, a promoción da economía local ou o coidado do medio ambiente, do que dixo cómpre convertelo nun “nicho de creación de emprego e de desenvolvemento”.

A mobilidade, as comunicacións, o abandono do rural ou a fenda tecnolóxica cada vez maior entre vilas e cidades que, ao seu xuízo, “é necesario reverter”, son outras das cuestións apuntadas pola líder nacionalista, asuntos  todos eles aos que o BNG quere dar alternativas no programa electoral municipal marco -as cidades contarán cun programa específico- e cuxa elaboración xa está en marcha con este proceso de encontros abertos coa veciñanza, colectivos e tecido asociativo en xeral.

A portavoz nacional avogou por construír unha Galiza en grande, concello a concello, construíndo municipios democráticos e que dean solucións aos problemas máis importantes da cidadanía e, neste sentido, avanzou que o programa municipal marco tamén se nutrirá das experiencias de éxito dos concellos gobernados polo BNG, “sinónimos de gobernos transformadores, con capacidade para poñer en marcha políticas innovadoras, que xestionan ben os recursos públicos e que buscan mellorar a vida das persoas con políticas de maiorías para as maiorías”.

Este é o modelo que o Bloque quere trasladar a todo o País, segundo recalcou Pontón, “ao máximo número de concellos para poder poñer en marcha esas mesmas políticas transformadoras e de éxito” que xa están funcionando noutros municipios galegos. “E queremos facelo sendo conscientes de que estamos nun momento moi importante, no que hai un cambio de ciclo no País onde o BNG aspira a liderar a próxima Xunta e onde os concellos van xogar un papel importante”, engadiu para concluír que “vai verse que esa onda de cambio tamén se vai materializar nas próximas eleccións municipais”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG