BNG inicia unha campaña contra o impacto dos parques eólicos en áreas de interese paisaxístico e valores ambientais

Suído
Suído
Alexandra Fernández e  Luís Bará, xunto á concelleira nacionalista no concello  de Fornelos de Montes, Mila Casal, visitaron  a Serra do Suído para denunciar o impacto sobre unha Área de especial  interese ambiental
BNG inicia unha campaña contra o impacto dos parques eólicos en áreas de interese paisaxístico e valores ambientais

Os deputados do BNG por Pontevedra, Alexandra Fernández e Luís Bará, xunto á concelleira en Fornelos de Montes, Mila Casal visitaron hoxe  a Serra do Suído dentro da campaña iniciada pola forza nacionalista para denunciar o impacto dos parques eólicos en áreas de interese paisaxístico e de gran valor ambiental.

As visitas a Serra do Suído e a Serra da Groba en Oia, así como diversos encontros cos veciños e veciñas e comunidades de Montes pretenden alertar á Xunta de Galiza das responsabilidades que se derivarían polo incumprimento da protección dos espazos  naturais e reclamar a paralización da tramitación dos proxectos eólicos.

 Na  Serra do Suído se está a tramitar o parque eólico do Coto das Airas,  con 11 aeroxeradores que afectan a unha Área de Especial Interese Paisaxística e hábitats de especial como  os humedais de montaña coñecidos como turbeiras. Este espazo, lembra o deputado Luís Bará, “foi proposto en 2012 para a ampliación da Rede Natura, o que implicaría a paralización dos proxectos eólicos”. Pero o que se paralizou, denuncia o nacionalista,  “foi a ampliación da Rede”, a pesar do mandato da Comisión Europea. Neste sentido,  afirma que están “a prevalecer os intereses do lobby enérxetico fronte a protección da paisaxe e espazos naturais”.

Os deputados do BNG tamén visitarán o concello de Oia, onde manterán unha xuntanza  con comunidades de montes afectadas polo parque eólico do Merendón, con 7 aeroxeradores. Na Serra da Groba, “tamén proposta para a ampliación da Rede Natura”, está  prevista a instalación  de 6 parques eólicos con 44 aeroxeradores, 4 subestacións e 5 estacións meteorolóxicas.

Neste caso, explica o deputado,  o Pleno da corporación aprobou, a semana  pasada, unha moción do BNG instando  á Xunta a declarar espazo natural protexido na Rede Natura os montes do Galiñeiro, Serra da Groba e monte da Valga.

 Para o BNG,  o Plan Eólico da Xunta,  responde a “un modelo depredador, extractivo e de obtención de grandes beneficios económicos para as empresas promotoras, mentres deixa impactos negativos e baixas rendas no territorio”, reitera o nacionalista.

O BNG aposta por  promover un modelo alternativo que faga compatíbel o desenvolvemento eólico coa protección do territorio, a intervención pública nos parques e a xeración de maiores rendas para as persoas propietarias dos terreos nos que se instalen os aeroxeradores. Por outra parte, engadiu, defendemos que “o potencial e  riqueza xerada polo vento debe estar ao servizo do interese xeral e das comunidades locais, de maneira que xeren rendas complementarias e desta maneira, favorezan o desenvolvemento económico da zonas do rural e do interior”.

Bará recalca  que “a Xunta lexisla para favorecer os intereses das empresas promotoras dos parques, con medidas como o cambio do uso do solo, a declaración de incidencia supramunicipal, a consideración de proxectos de especial interese ou a declaración de utilidade pública”, figuras normativas aprobadas nos últimos anos e que están pensadas para impoñer os parques por riba das decisións dos concellos e dos intereses das persoas e entidades propietarias dos terreos, explicou.

Para evitar a desfeita de espazos de grande valor ambiental, o BNG demanda “a paralización dos parques eólicos previstos en espazos naturais, por ser incompatíbeis coa ampliación da Rede Natura iniciada en 2012 por mandato da Comisión Europea, unha ampliación que se debe tramitar con carácter inmediato e pola vía de urxencia”. 

 

BNG inicia unha campaña contra o impacto dos parques eólicos en áreas de interese paisaxístico e valores ambientais