PARLAMENTO GALEGO

BNG impulsa no Parlamento galego unha solución para a ampliación do CPI As Mirandas no concello de Ares

Mon Fernández
Mon Fernández
Mon Fernández urxe a Concello e Consellería a axilizar actuacións e recalca: “o Bloque non está nin coa Xunta nin co alcalde, senón coa comunidade educativa que leva 10 anos reclamando respostas”
BNG impulsa no Parlamento galego unha solución para a ampliación do CPI As Mirandas no concello de Ares

BNG acadou o acordo unánime do Parlamento galego para instar á Xunta a que solicite ao Concello de Ares que realice na maior brevidade de tempo posible a obra de acondicionamento da parcela prevista para a ampliación do CPI As Mirandas e, unha vez realizada esta, o Executivo galego comprométese a licitar, proxectar, contratar e iniciar as obras de ampliación de maneira prioritaria, coa finalidade de dispoñer das novas instalacións canto antes.

O deputado nacionalista Mon Fernández felicitouse por un acordo que permite impulsar unha solución a unha situación que, segundo subliñou, “debe resolverse coa máxima urxencia” porque “estamos a falar de respecto polas condicións mínimas que debe cumprir un centro educativo”. “Neste asunto, o BNG non está nin coa Xunta nin co alcalde, senón cunha comunidade educativa que leva máis de 10 anos reclamando solucións”, recalcou, logo de aclarar que “non queremos entrar en discusións ou xuízos sobre o que aconteceu durante estes anos entre uns e outros; non é a nosa intención repartir culpas”.

Fernández realizou esta reflexión na defensa ante a comisión parlamentaria de Educación dunha iniciativa para resolver definitivamente o problema de espazo no CPI As Mirandas, no que, logo de falladas distintas actuacións das Administracións implicadas, houbo mesmo que instalar no patio do centro uns barracóns de obra para o alumnado de educación infantil, “unha solución provisional que se demora xa case 10 anos”, reprochou.

“Urxe solucionar esta cuestión porque estamos ante un problema grave e que xa fora cualificado de urxente no seu momento porque é un problema de non cumprimento das condicións mínimas dun centro educativo”, incidiu, para a continuación lembrar que o concello ten modificado o PXOM e posta a disposición da Xunta a parcela onde está prevista a ampliación, ao tempo que está iniciado o proceso de contratación para o acondicionamento da mesma.

“É preciso axilizar os trámites e iniciar con urxencia as obras de ampliación para tentar que as necesidades da comunidade educativa queden cubertas, a poder ser, para o próximo curso mellor que para o seguinte”, concluíu, logo de subliñar que esta actuación é de vital importancia non só para o núcleo de poboación, senón para o conxunto do concello.
 

BNG impulsa no Parlamento galego unha solución para a ampliación do CPI As Mirandas no concello de Ares