O BNG impugna a reprobación da Mesa do parlamento a Luís Bará por rachar a foto de Felipe VI

Carece de sustento técnico-xuridico e atenta contra a liberdade de expresión

O BNG rexistrou un escrito ante a Mesa do Parlamento para que o órgano de dirección reconsidere o seu acordo do pasado 13 de abril polo que determina que a destrución dunha imaxe fotográfica do Xefe do Estado “é unha conduta digna de reproche e impropia” dun membro da Cámara, en relación a decisión do deputado nacionalista, Luís Bará, de rachar unha foto do Rei durante unha intervención de denuncia da involución democrática.

No escrito de reconsideración, o Bloque considera impugnable dito acordo por entender que se adoptou “sen ningunha garantía nin respecto das propias previsións regulamentarias, sendo unha decisión totalmente arbitraria que afecta ademais ao dereito fundamental á liberdade de expresión recollido no Convenio Europeo de Dereitos Humanos”.

Igualmente, a formación nacionalista considera que a Mesa non é competente para adoptar decisións que afectan a cuestións disciplinarias xa que, nesa materia, o regulamento da Cámara ten un apartado concreto, “onde non se recollen facultades específicas da Mesa para emitir xuízos sobre o decoro ou a dignidade parlamentaria” que, de apreciarse, “terían que someterse aos procedementos previstos”.

De feito, afonda o escrito do BNG, o propio informe dos letrados do Parlamento “sitúa á Comisión do Estatuto como a competente para actuar”, pero a Mesa “obvia absolutamente” este informe “e emite unha decisión a posteriori dun acto que, segundo os propios letrados, debería terse adoptado na propia sesión”. Por tanto, conclúe, a decisión do órgano de goberno da Cámara “apartase das conclusións e dos argumentos dos servizos xurídicos”.

Polo tanto, alega a formación nacionalista, a decisión da Mesa “non se axusta a ningún proceder previsto no Regulamento” e recalca que a decisión foi adoptada moito despois de finalizado o pleno sen que este recibise o máis mínimo reproche pola súa intervención por parte da propia Mesa.

“Este acordo adoptouse dous días despois da sesión plenaria na que foi realizado o acto que se pretende reprochar, derivado dunha convocatoria con carácter urxente da Xunta de Portavoces, cando o devandito acto foi desenvolvido nunha sesión plenaria que discorreu con absoluta normalidade, na que en ningún momento o deputado Luis Bará foi chamado á orde”.

A formación nacionalista tamén alega quen non cabe aplicación algunha do réxime de disciplina parlamentaria e que se produce unha vulneración do dereito á liberdade de expresión segundo a xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. En base a todo isto, o BNG solicita a reconsideración do acordo da Mesa do Parlamento do 13 de abril porque vulnera o dereito fundamental á liberdade de expresión do deputado Luís Bará.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG