Parlamento Galego

BNG forza a comparecencia de Feixóo no Parlamento para dar conta da situación da pandemia

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil salienta a grave situación económica e sanitaria provocada pola da segunda vaga da COVID19 en Galiza e apela a abrir liñas de axuda para os sectores máis afectados

A viceportavoz do Grupo parlamentario do BNG, Olalla Rodil mostrou hoxe a súa satisfacción ante o acordo acadado na Xunta de portavoces polo que o PP accedeu a dar luz verde á solicitude do BNG para que compareza na Cámara galega o Presidente da Xunta na vindeira sesión plenaria sobre  as  medidas previstas contra o avance da COVID19 en Galiza.

É  urxente,  dixo poñer en marcha medidas para frear a pandemia no ámbito sanitario así como no económico e social. As consecuencias afectan a miles de persoas no noso país e “alédanos” afirmou Rodil, de que o  Partido popular aceptara a solicitude de comparecencia  de Feixóo pero lamentamos que non sexa nun “pleno monográfico” para abordar a situación na súa totalidade.

Rodil explicou que a comparecencia do presidente da Xunta substitúe as habituais preguntas de control ao goberno no inicio da xornada plenaria dos mércores e anunciou que o BNG continuará insistindo na responsabilidade da Xunta para tomar “medidas drásticas e contundentes” contra a segunda vaga do virus que reflicte “un récord de contaxios e falecementos”. Son cifras insostibles, recalcou e nos últimos días con falecementos de persoas usuarias de residencias de maiores que continúan sendo un dos maiores focos de contaxios en Galiza.

Dende o BNG pediremos a  Feixóo que a Xunta se “anticipe” e reaccione con previsión. Ademais, tamén pediremos “transparecencia” como xa veñen reclamando os alcaldes e alcaldesas nas últimas semanas ante a irresponsabilidade da Xunta e a “falta de lealtade”  do goberno galego coas administracións locais na información sobre o número real de persoas contaxiadas nos concellos.

Reclamaremos transparencia pero tamén defenderemos propostas e alternativas para enfrontar a COVID na fronte sanitaria, económica e social. O presidente da Xunta ten o poder sobre o estado de alarma en Galiza e por “democracia” debe dar explicacións sobre como vai enfrontar as consecuencias desta segunda vaga do virus, sentenciou.

Por outra parte, apuntou que o  BNG tamén defenderá na vindeira sesión plenaria medidas contra o impacto da crise da COVID sobre os traballadores e traballadoras autónomos e o número de persoas rastrexadoras en Galiza, porque a día de hoxe, ironizou, é o maior segredo da historia, parece “o triángulo das Bermudas” que aparecen e desaparecen sen que ninguén poda explicar o número real dos que existen.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG