BNG felicítase pola licitación do dragado da ría do Burgo, cuestión clave que incluíu no acordo de investidura

Encontro Ría do Burgo (arquivo)
Encontro Ría do Burgo (arquivo)

Rego: “debe permitir que no prazo de 2 anos a ría recupere a capacidade produtiva e a calidade ambiental fundamental para a comarca da Coruña”

Miranda lembra o traballo feito polo BNG en Europa que mesmo motivou a visita dunha delegación da Eurocámara e un crítico informe pola situación

O BNG considera unha boa nova o anuncio de licitación das obras de dragado da Ría do Burgo e entende que o Goberno central da así cumprimento a outro dos asuntos incluídos no acordo de investidura pactado entre a formación nacionalista e o PSOE, como é a recuperación integral desta ría. Unha demanda histórica na que o Bloque loitou durante anos con todos os colectivos implicados, en particular os mariscadores e mariscadoras.

“O saneamento integral da Ría do Burgo é unha vella demanda do BNG e por iso ese asunto foi colocado como unha prioridade no acordo de investidura asinado co PSOE”, indicou o deputado, Nestor Rego, “por iso congratulámonos de que bote a andar un proceso de licitación que debe permitir que, no prazo aproximado de dous anos, que esta ría estea rexenerada e recupere a súa capacidade produtiva e a súa calidade ambiental fundamental para toda a comarca da Coruña”.

A total rexeneración da Ría do Burgo é unha cuestión estratéxica para a comarca da Coruña na que o Bloque traballa desde fai anos en todas as frontes e en liña con todos os colectivos implicados, en particular os e as mariscadoras, confrarías, plataforma en defensa da ría e tamén coa implicación total cos seus responsables municipais nos concellos afectados.

“Esta licitación é un paso moi importante que non ven sen tempo”, destacou a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, lembrando as denuncias en Europa que mesmo motivaron a visita dunha delegación da Eurocámara para investigar e coñecer in situ a situación das rías galegas, entre elas a do Burgo. “Foi unha loita histórica, con denuncia da confraría da Coruña ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, man a man co BNG, que serviu de elemento de presión sobre os sucesivos gobernos do Estado. Unha honra traballar ao carón de todos os mariscadores e mariscadoras dando esta loita durante anos”, subliñou Miranda.

O Bloque seguirá de cerca todo o proceso e xa avanza que vai seguir reclamando axudas directas aos mariscadores e ás mariscadoras durante o tempo que duren os traballos de saneamento da ría.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG