BNG felicita a Gustavo Petro e Francia Márquez pola súa vitoria histórica nas eleccións de Colombia

Gustavo Prieto e Ana Miranda
Gustavo Prieto e Ana Miranda

Ana Miranda: “O triunfo da esquerda supón unha gran oportunidade para superar o uribismo e afrontar un cambio de etapa”

A Executiva Nacional do BNG traslada os seus parabéns ao novo presidente de Colombia, Gustavo Petro, e a vicepresidenta Francia Márquez, que encabezando o Pacto Histórico acadaron o 50,51% dos votos e superaron o 47,16% obtido polo empresario Rodolfo Hernández. “A vitoria da esquerda supón unha oportunidade histórica para superar o uribismo e afrontar un cambio de etapa baseado na paz, a xustiza social, a protección do medio ambiente e a igualdade”, subliña Ana Miranda dende Bogotá.

A coordinadora de Relacións Internacionais da Executiva do BNG participou como observadora na Misión de Observación Electoral do Grupo Interparlamentario pola Paz en Colombia. Mentres na primeira volta das presidenciais percorreu numerosos colexios electorais da área metropolitana de Medellín, na segunda volta celebrada onte visitou os centros de votación de Suba, unha das cidades do Distrito Capital de Bogotá.

Ademais de constatar a ausencia de interventores e as dificultades de información en diversos centros de votación, na xornada de onte a misión de observación detectou varios casos de votantes facéndolles fotografías ao voto, “unha actuación ilegal, polo indicio de compra de votos”, explica Miranda, quen a vitoria do Pacto Histórico ten un maior valor se cabe tendo en conta o contexto de violencia vivido nos últimos anos, con desprazamentos forzosos, ameazas e ataques contra políticos e defensores de dereitos humanos.

Apoio ao pobo colombiano

Para o Bloque é fundamental apoiar o pobo colombiano, e trasladarlle os parabéns, xa que co seu voto de apoio á esquerda sinalou que quere un cambio de época en Colombia vencendo o uribismo e a súa política ultraliberal. Precisamente neste cambio de época xoga un papel fundamental a vicepresidenta electa Francia Márquez, -avogada feminista de orixe afrocolombiana- como representante dos excluídos, cuxa participación resultou decisiva para a vitoria de Pacto Histórico.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG