O BNG vai facer visible no Debate do Estado da Nación a súa alternativa para unha Galiza “de futuro, puxante, dinámica, moderna, orgullosa e feminista”, un proxecto alternativo ao do PP, que tras catorce anos na Xunta deixa unha “Galiza que vai a menos” cun Goberno “teledirixido dende Madrid” e que chega ao final do mandato “desfondado”, sen axenda propia e sen ideas de futuro.
Así o asegurou o viceportavoz no Parlamento, Luís Bará, logo da reunión da Xunta de Portavoces, na que se elaborou a orde do día do tamén coñecido como Debate de Política Xeral, que terá lugar entre os días 9 e 11 deste mes. “A Galiza que deixa o PP perde posicións en demografía, industria, investigación, ocupación, salarios, PIB ou innovación”, dixo Bará aludindo a informes que o corroboran, como o último do Consello Económico e Social.
Fronte a esa Galiza “que non para de ir para atrás” froito dun goberno “descabezado” e “sen enerxía”, o BNG presentará unha alternativa de futuro para “abrir unha nova etapa na historia do País”, consciente de que o debate supón o “inicio da conta atrás para o cambio, que xa está en marcha·, asegurou Bará, para quen a cita da segunda semana de outubro servirá ademais para contrapor dúas alternativas de liderado.
Por unha parte os galegos verán a Alfonso Rueda, “un líder sen carisma, gris, un burócrata ao que nin os seus ven como líder”. Pola outra, a Ana Pontón, “co carisma, o liderado e a forza necesaria para ser a primeira presidenta da historia de Galiza”.
A alternativa do BNG, explicou Bará, pivotará sobre tres grandes pancas: o autogoberno, o financiamento e a ciencia e innovación. Tres grandes eixos “fundamentais para mellorar a vida dos galegos e as galegas” en torno aos que o BNG proporá “grandes acordos de país para que Galiza de un salto adiante”.
O proxecto transformador do BNG para unha Galiza “máis viva, forte, dinámica, orgullosa, científica e feminista” contempla ademais dez grandes proxectos transformadores nos ámbitos da enerxía; a emerxencia climática e a loita contra o cambio climático; a cohesión e o equilibrio territorial; a transformación dixital “que ten que ser inclusiva”; o benestar co fortalecemento dos servizos públicos da educación, a sanidade e os coidados; o desenvolvemento dos sinais de identidade; a transformación tecnolóxica e industrial; a axenda dos dereitos sociais e democráticos, e a Galicia internacional.
Co propósito dunha aplicación inmediata, o BNG levará ao Debate do Estado da Nación propostas de resolución para axudar ás familias que máis o precisen no actual contexto de crise inflacionista. Neste sentido, anunciou que o grupo nacionalista reclamará a mobilización de 153 millóns de euros para tres medidas concretas: un bono escolar para apoiar ás familias ante o inicio de curso “máis caro da historia”, un fondo de rescate hipotecario que beneficiaría a 175.000 galegxs afogadxs pola suba dos intereses bancarios e a restitución da Tarxeta Básica para compra de alimentos e medicinas, dirixida ás case de 75.000 persoas que viven en situación de grave risco de pobreza e exclusión social.
“No BNG somos conscientes de que este Debate do Estado da Nación non é un máis, porque marca o final dun ciclo e o inicio da conta atrás para o cambio galego, que xa está en marcha”, manifestou en rolda de prensa Luís Bará, quen advertiu sen embargo de que “non hai nada feito” e por iso o BNG “vai traballar arreo, con toda a humildade e toda a ambición” para chegar a esa maioría social que desexa “abrir un tempo novo de esperanza e benestar” no País.
Suxire a Rueda que participe en Supervivientes
A enerxía do cambio que representa o BNG o liderado de Ana Pontón, afondou o viceportavoz, explica o “nerviosismo” e a “hiperactividade” do PP, inmerso na “voráxine propagandística”, con anuncios que parecen “saldos de fin de tempada” nunha “carreira desesperada de última hora” que inclúe unha xira polos platós da CRTVG.
Alfonso Rueda está facendo un esforzo para convencer ao seu electorado de que é un líder. Xa só lle falta asistir a un reality show”, afirmou Bará, que tirou de ironía para recomendar ao presidente da Xunta que participe en Supervivientes, “unha boa opción para ser coñecido, aínda que outra cousa é que sexa recoñecido”.