Congreso

BNG exixirá nos orzamentos a eliminación da taxa de reposición de efectivos

Xuntanza entre BNG e CIG
Xuntanza entre BNG e CIG
O Portavoz do BNG no Congreso reuniuse cos Secretarios Nacionais da área pública da CIG para falar das reformas normativas máis urxentes en materia de emprego público.

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, mantivo unha reunión cos e coas representantes da área pública da Confederación Intersindical Galega (CIG), Xesús Bermello, Secretario Nacional da CIG-Ensino, María Xosé Abuín, Secretaria Nacional da CIG-Saúde e Xabier Picón, Secretario Nacional da CIG-Administración, para pór en común as principais necesidades que deben afrontarse para garantir unhas condicións laborais dignas e un servizo público de calidade.

Quer a organización sindical quer a formación nacionalista coincidiron en que a reforma máis urxente que debe acometer o Goberno español é a eliminación das taxas de reposición de efectivos que están agora mesmo estabelecidas con carácter básico para todas as Administracións Públicas. “É imprescindíbel que sexan as propias CC.AA. e as Administracións locais, en uso da súa propia autonomía, as que teñan a capacidade de planificación e ordenación dos seus servizos, os seus cadros de persoal e as súas propias ofertas de emprego público, en función da súa capacidade económica, sen que o Estado impoña medidas innecesarias e contraproducentes” salientou Néstor Rego.

Co mantemento das taxas de reposición estase a impedir ás distintas Administracións Públicas que podan contratar o persoal que precisan para dar unha atención adecuada aos cidadáns e cidadás, pois para atender ás necesidades do servizo deben acudir a contratos temporais, que precarizan tanto as condicións laborais como o servizo público. É por todo isto que o BNG exixirá que os Orzamentos Xerais do Estado recollan a eliminación da taxa de reposición de efectivos.

Neste momento, as taxas de reposición limita a posibilidade de incrementar as prazas en só dez por cento en relación coas xubilacións que se producen nese ano, impedíndoselle a creación de emprego estábel e de calidade e prestar servizos públicos adecuados.

Esta situación é especialmente preocupante no sector da sanidade pública onde a taxa de temporalidade supera 30%. Na actual situación de pandemia derivada da COVID19, garantir unha adecuada atención sanitaria é imprescindíbel, “non pode seguir a tolerarse que se manteña as traballadoras e traballadores do sector sanitario en condicións laborais precarias mentres se lles exixe un esforzo extra na loita contra o coronavirus” sinalou Néstor Rego.

Debe recordarse que no pasado mes de xullo o Congreso dos Deputados aprobou unha proposta do BNG que instaba ao Goberno a eliminar a taxa de reposición de efectivos no sector sanitario.

Nesta reunión puxéronse tamén en común outras reformas necesarias como abordar a posibilidade de xubilación anticipada de determinados colectivos que desempeñan funcións en condiciones de penosidade, perigosidade, toxicidade ou turnicidade sen penalización, o desenvolvemento da clasificación introducida polo Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP), a recuperación de poder adquisitivo nos salarios, ou a derrogación da reforma laboral que suspendeu a aplicación dos convenios colectivos que melloraran as condicións contidas no EBEP.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG