parlamento galego

O BNG exixe á Xunta que antepoña os intereses de Galiza aos partidarios e reclame a xestión directa dos fondos europeos

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas recrimina ao Goberno galego que os proxectos presentados ao fondo Next Generation “ou están anunciados ou xa os está executando”

O BNG volve reclamar ao Goberno galego a defensa ante o Estado dunha xestión directa dos fondos europeos para a reactivación co obxectivo de que Galiza non saia perdendo no proceso de recentralización iniciado polo Executivo central. “Teñan a deferencia, polo ben deste país, de antepoñer os intereses de Galiza aos seus intereses partidarios”, exixiu a deputada Noa Presas, logo da comparecencia do vicepresidente económico, Francisco Conde, ante a comisión de reactivación do Parlamento galego.

Presas afeou ao tamén conselleiro de Economía que comparecera ante a comisión parlamentaria “aflixido” pola centralización do Goberno do Estado. “Benvido -ironizou- dende o BNG levamos advertindo deste novo proceso de recentralización durante os últimos tres meses e vostedes non quixeron consensuar nada”, en referencia aos múltiples ofrecementos da formación nacionalista para acordar unha fronte común galega co obxectivo de reclamar a xestión directa dos fondos europeos de reconstrución.

De igual xeito recriminou ao PP o exercicio de “negacionismo” que vén desenvolvendo nos últimos meses neste sentido. “Vostedes vetaron ter unha posición de país, vetaron ter un debate sobre propostas de criterios a defender diante do Goberno de Sánchez e aínda no último pleno non colleron a man que tendía o BNG para loitar contra esa recentralización do Estado”, recalcou.

A deputada nacionalista recriminou á Xunta a negación sistemática ao Parlamento da información solicitada polo seu grupo sobre os proxectos presentados para optar ao fondo Next Generation e comparecer agora “cun refrito de titulares de prensa e repeticións”. “Practicamente todo o que vostede recolleu na súa intervención xa estaba anunciado na prensa ou son medidas que a Xunta xa está a desenvolver”, recalcou para a continuación reprochar ao Goberno galego que inclúa entre os proxectos relacionados a modernización da Atención Primaria ou da Administración galega. “Cuestións que son gasto corrente e unha obriga de calquera goberno”, resumiu.

Presas exemplificou a “debilidade” da proposta do Goberno galego repasando boa parte dos proxectos relacionados polo vicepresidente, como a Cidade das Tic da Coruña, “unha débeda permanente con esta cidade”; unha planta de hidróxeno, “cando a tendencia é apostar pola xeración distribuída ou o autoabastecemento” e “cando xa hai proxectos de hidróxeno presentados por outros territorios”; ou as aldeas modelo e un proxecto relacionado co Camiño de Santiago, que “más alá dos albergues de Santiago xa é algo que xa se financia con fondos Feder ao longo da súa historia”.

“Vostede cualificou esta proposta de ambiciosa e realista e nós máis ben diríamos que é decepcionante e rutineira”, reprochou, logo de criticar ao Goberno de Feixóo pola comparecencia de hoxe, tanto pola súa forma como polo seu fondo. “Opoñémonos a este uso fraudulento porque o único ao que viñeron vostedes aquí é a disimular a estratexia que tiveron de unilateralidade e de falta de concreción nos últimos meses e a reconverter esta comisión en rolda de prensa da Xunta”, resumiu.

A portavoz de Facenda e Orzamentos reclamou ao Executivo galego que deixe de menosprezar ao Parlamento e achegue toda a documentación de todos os proxectos presentados ao fondo Next Generation, ao tempo que reclamou á Xunta que concrete “se defendeu por escrito nalgún foro propostas concretas para non ter que asumir ese marco de recentralización proposto polo Goberno central ou simplemente se quedou na retórica mediática”. “Pedímoslles que cambien a súa posición, porque no momento en que vostedes decidan rectificar, nós estaremos aí como primeira forza de oposición e como forza construtiva que somos”, concluíu. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG