parlamento galego

BNG exixe á Xunta que actúe e proceda á revisión de oficio da autorización de Aucosa “porque ten argumentos de sobra”

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández
Alexandra Fernández apela aos sistemáticos incumprimentos da empresa en materia medioambiental e de saúde para que o Goberno do PP interveña

BNG exixiu no Parlamento galego á Xunta que actúe ante os problemas ambientais e de saúde que leva anos xerando a planta de Aucosa en Chapela “porque ten argumentos de sobra para iniciar un proceso de revisión de oficio da autorización con todos os incumprimentos que hai neste caso”.

Así o recalcou a deputada nacionalista Alexandra Fernández quen, nunha pregunta na comisión parlamentaria de Ordenación do Territorio e Medio Ambiente, recriminou ao Executivo galego a súa inacción ante os “vertidos sistemáticos” e os graves problemas de cheiros que ocasiona a actividade da empresa.

“Non se escuden en supostas limitacións legais porque, se queren, poden actuar, xa que existen motivos máis que suficientes para facelo”, reprochou, para a continuación enumerar os distintos incumprimentos normativos por parte da empresa que permitirían ao Goberno do PP intervir e revisar de oficio a Autorización Ambiental Integrada (AAI) coa que conta a planta de Chapela.

Neste sentido, Fernández recordou a batalla legal sobre a autorización -na que hai pronunciamentos do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) confirmando a  incompatibilidade da actividade da planta con áreas residenciais, requisito esencial para a AAI, pese ao que a Xunta renovou dita autorización en 2013- e, dado que non se produciu neste período un traslado da fábrica e que, polo tanto, a actividade segue sen reunir as condicións urbanísticas obrigadas para a concesión dunha nova autorización, “vostedes poden iniciar o procedemento de extinción a partir do próximo 16 de maio”, data de finalización da actual AAI.          

De igual xeito, apelou ás verteduras sistemáticas de Aucosa á ría de Vigo, nunha zona declarada Rede Natura 2000, razón pola que, segundo subliñou, a Xunta tamén podería intervir de oficio. “As verteduras que se producen na ría e tamén nos ríos da contorna son motivos suficientes tamén para someter a revisión de oficio a autorización”, argumentou apelando ás distintas normativas vixentes en materia medioambiental.

O grave problema dos cheiros foi outro dos argumentos aos que se referiu a deputada nacionalista para exixir a intervención do Executivo galego: “a empresa tería que ter entregado un plan de xestión de olores e non o fixo; existen numerosas probas de que se está a incumprir a normativa sobre como debe operar este tipo de industrias e como se teñen que tratar estes produtos, e tamén numerosos expedientes sancionadores ao respecto”, enumerou.     

“Ou a empresa incumpriu a obriga de realizar as melloras técnicas precisas para minimizar os cheiros co prazo límite no pasado mes de novembro fixado no propio expediente sancionador da Xunta e, polo tanto, debería estar paralizada a actividade -explicou- ou a tecnoloxía non vai ser capaz de solucionar o problema, como tamén dubidada a Xunta no seu informe e, en consecuencia, tería que estar igualmente paralizada a actividade”.

Ademais, tamén recordou que a empresa construíu a súa planta de gas natural licuado sen comunicalo á Administración galega, incumprindo o Regulamento da lei de prevención e control integrados da contaminación que esixe comunicación ao órgano competente antes de ser realizado. “Ademais, existe risco de accidente grave que, segundo a Lei de Avaliación Ambiental, determina que nestes casos o proxecto ten que someterse a avaliación de impacto ambiental ordinaria, algo que tamén se incumpre”, reprobou.

Por todo isto, Fernández concluíu que o Goberno de Feixóo ten argumentos de sobra para intervir neste caso, “se ten vontade real de facelo”, e recalcou que o que pide o BNG non é o peche da planta, senón o seu traslado a un lugar onde a súa actividade sexa compatible urbanisticamente.

Logo da súa intervención na comisión parlamentaria, a deputada nacionalista reafirmou o apoio do Bloque ás mobilizacións da veciñanza, que continuarán este próximo sábado, cunha concentración na que volverán denunciar os graves problemas medioambientais e de saúde que segue ocasionando a planta.  
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG