Congreso

O BNG exixe que se prohiba a participación de menores en corridas de touros como recomenda a ONU

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego denunciou que se está a permitir a presenza de menores de idade nunha actividade de maltrato animal real, tanto en prazas como a través de contidos audiovisuais, desoíndo as recomendacións do Comité dos Dereitos do Neno e a Nena.

O BNG e a plataforma Galiza Mellor Sen Touradas critican que esta falta de resposta institucional a unha advertencia clara dun comité de expertos independente, débese á presión do lobby taurino que se atopa ben conectado coa esfera empresarial e política.

O deputado do BNG, Néstor Rego, trasladou ao Congreso unha iniciativa da plataforma Galiza Mellor Sen Touradas para exixir ao Goberno español que, a fin de prever os efectos daniños da tauromaquia en menores de idade e seguindo as recomendacións do Comité dos Dereitos do Neno e a Nena da ONU, se prohiba por parte do Estado a participación de menores de 18 anos como toureiros/as e espectadores de corridas de touros.

O BNG denuncia que ao non cumprir coa recomendación do Comité dos Dereitos do Neno e a Nena, estase permitindo a presenza de persoas menores de idade nunha actividade de maltrato animal real, tanto en prazas como a través de contidos audiovisuais. A plataforma Galiza Mellor Sen Touradas advertiu que esta falta de resposta institucional a unha advertencia clara dun comité de expertos independente débese á presión do lobby taurino, ben conectado coa esfera empresarial e política para impedir que calquera avance social, como a oposición maioritaria á tauromaquia, teña un reflexo real no ordenamento xurídico.

O deputado nacionalista, Néstor Rego, destacou que “o Goberno español ratificou as recomendacións que emitiu o Comité dos Dereitos do Neno e a Nena en 2018 respecto do cumprimento da Convención sobre os Dereitos do Neno” e lembrou que a Constitución española de 1978 sinala que “as Convencións Internacionais ratificadas forman parte do ordenamento xurídico e polo tanto, de aplicación directa na elaboración de normas”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG