Congreso

O BNG exixe que non se elimine o “tren hotel” que une a Galiza con Madrid e Barcelona

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego denuncia que o Goberno español está a empregar a crise do coronavirus como escusa neste momento para seguir profundando no proceso de desmantelamento dos servizos ferroviarios.

A deputada Noa Presas salientou que a defensa dos servizos ferroviarios será clave no cambio político a partir de 12 de xullo para pór punto final ao goberno de Feixóo que leva once anos calado e permitindo que pechen estacións de ferrocarril, supresións nas liñas e mesmo a redución nos horarios.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou unha Proposición Non de Lei en que exixe ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que recupere de forma inmediata o servizo de tren hotel entre A Coruña, Pontevedra e Vigo a Madrid e Barcelona. No pasado 26 de maio facíase pública a intención de Renfe de non renovar a circulación do coñecido “tren hotel” que une a Galiza con Madrid e Barcelona unha vez finalice a declaración do estado de alarma por causa das perdas producidas pola crise da COVID-19.

O BNG denuncia que a crise do coronavirus non pode ser aproveitada polo Goberno español para continuar nesta liña de perda de servizos. “Máis alá das consecuencias derivadas da crise do coronavirus, é evidente que se está utilizando como escusa neste momento para seguir profundando no proceso de desmantelamento dos servizos ferroviarios e do seu carácter público, proceso iniciado xa hai tempo” salientou Rego.

Os nacionalistas advirten que tampouco debe supor o aumento dos prezos dos servizos que en moitos casos foron denunciados xa por abusivos, como é o caso da liña Avant entre A Coruña e Ourense ou como as subas aplicadas no ano 2020 para a tarifa media dos títulos de transporte en 1,1% para os servizos de media distancia, 1,1% para os de longa distancia, 1,1% para os Feve e 1,2%, a máis alta, para os trens Avant. “Esta suba tivo lugar ao mesmo tempo que se fomentaba o denominado AVE low cost, AVLO, na liña Madrid-Barcelona” subliñou Néstor Rego.

Esta iniciativa no Congreso súmase ás presentadas pola deputada por Ourense no Parlamento galego, Noa Presas, que denunciou o recorte de servizos ferroviarios nas conexións fundamentais para as veciñas e veciños da comarca de Valdeorras.

A deputada do BNG afirmou que non é a primeira vez que o Goberno central anuncia o desmantelamento dos servizos ferroviarios na Galiza. Xa no mes de outubro, o BNG fíxose eco das denuncias feitas pola cidadanía cando Renfe pretendía rebaixar a calidade dos tren-hoteis substituíndoos por talgos máis vellos, o cal suporía “máis atrasos e deficiencias nos traxectos que chegan sistematicamente con demoras e con inconvenientes para os pasaxeiros e pasaxeiras” explicou Noa Presas.

“Tren digno para o interior” é unha campaña fomentada polo BNG que procura reivindicar o dereito a ter uns servizos ferroviarios dignos mantendo os servizos presenciais na venda de billetes, a modernización da rede ferroviaria pulando por un Tren Galego de Proximidade así como transferir as competencias en materia ferroviaria. Unha campaña que, para alén da súa vertente social, tamén foi levada ao Parlamento de Galiza pola agora candidata Noa Presas; aos concellos da comarca de Valdeorras polos concelleiros e concelleiras do BNG e tamén ao Congreso polo deputado Néstor Rego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG