Congreso

BNG exixe a ENAIRE que cese a discriminación contra as e os galegofalantes no aeroporto de Santiago

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego salientou que resulta inaceptábel que a empresa pública ENAIRE pretenda obrigar aos seus traballadores e traballadoras a utilizar só o español, sen respectar o dereito que teñen a escoller a lingua oficial que prefiran nas súas comunicacións. A empresa chegou a abrir expediente a unha traballadora que realizaba os seus escritos en galego solicitando información dentro da súa actuación como delegada sindical, o que atenta contra a liberdade de acción sindical e contra a liberdade lingüística.

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, reclamou máis unha vez ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que se poña fin á campaña de asedio lingüístico ás traballadoras e traballadores, e nomeadamente aos seus representantes, do centro de ENAIRE en Santiago de Compostela por realizar as comunicacións coa dirección en galego e dentro da cal se encadra a negativa por parte da dirección para tramitar as solicitudes nesta lingua.

O BNG denuncia que polo simple feito de facer as súas comunicacións en galego se abriu un inxustificado expediente á traballadora representante dos e das traballadoras do centro de traballo de ENAIRE, o cal debe ser pechado de forma inmediata e garantir o seu dereito para realizar as comunicacións coa dirección en galego. “É intolerábel que ENAIRE, unha empresa do sector público que debera dar exemplo no cumprimento da legalidade, en lugar de garantir os dereitos lingüísticos e sindicais dos traballadores e traballadoras, tente intimidar e forzar con ameazas para negalos” sinalou Néstor Rego.

Esta discriminación lingüística deu comezo tras a constitución do comité de empresa. A formación nacionalista trasladoulle o Ministerio que até ese momento as comunicacións en galego, tanto verbais como escritas, non foron rexeitadas e tratábanse con normalidade. Con todo, empezaron primeiro a recomendar e despois a exixir que se realizasen exclusivamente en castelán. Néstor Rego destacou que “esta actitude por parte da empresa pública é inaceptábel, pois atenta contra a liberdade sindical e contra a liberdade lingüística”. O deputado nacionalista salientou que non se pode consentir que ENAIRE siga vulnerando dereitos fundamentais dos seus traballadores e traballadoras, impedindo o exercicio da liberdade sindical e do emprego da lingua propia da Galiza.

Aliás, a propia Inspección de Traballo abriu un expediente á empresa pública ENAIRE e manifestou de forma clara que debe recoñecer que os traballadores e traballadoras do centro de Santiago de Compostela teñen o dereito de relacionarse coa empresa en galego. Así, é imprescindíbel que ENAIRE acate a legalidade vixente, dea cumprimento á resolución da Inspección de Traballo e poña fin á súa política de discriminación. “Galiza conta cun idioma propio que goza de carácter oficial no seu territorio e por tanto, dado que esta sede de ENAIRE se sitúa en territorio galego, os seus empregados e empregadas teñen o dereito para usalo nas súas comunicacións coa empresa” manifestou Rego facendo eco das afirmacións contidas na resolución da Inspección de Traballo.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG