CONGRESO

O BNG exixe que a embaixada e os consulados en Italia atendan todos os galegos e galegas que queren retornar

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego pide ao Goberno que actúe de forma inmediata para auxiliar todas as persoas atrapadas pola cancelación dos voos na república italiana.
O BNG exixe que a embaixada e os consulados en Italia atendan todos os galegos e galegas que queren retornar

O Bloque Nacionalista Galego alerta ao Ministerio de Exteriores de que hai centos de persoas do Estado español, entre elas grupos de galegos e galegas que se encontran de viaxe, estudando ou traballando, atrapadas en Italia debido á cancelación dos voos con este país por parte do propio Goberno.

Néstor Rego, deputado polo BNG no Congreso, exixe ao Goberno que atenda adecuadamente as persoas atrapadas na península itálica posto que neste momento as embaixadas e consulados españois en Italia (concretamente os de Nápoles e Roma) non están prestando auxilio a estes cidadáns e cidadás que se encontran en situación de desamparo. Tal e como relataron algunha destas persoas afectadas, entre as que se encontran estudantes de intercambio e familias que estaban de viaxe, “os consulados non están sendo de ningunha axuda e tan só lles facilitan unha declaración xurada para que poidan abandonar o país en automóbil ou en barco”. No entanto, segundo elas propias sinalan, algunhas destas persoas non dispoñen dos medios económicos necesarios para alugar un coche ou seguir pagando unha noite máis de hotel, correndo o grave risco de ficar na rúa.

O BNG denuncia que as autoridades españolas anunciaron nun primeiro momento que o regreso dos e das estudantes afectadas non tería custos económicos para elas, posto que unha das cláusulas da bolsa Erasmus, contempla a posibilidade de volta por causas de forza maior, cubrindo os gastos de desprazamento. Mais, tal e como están informando, ningunha institución se está a facer cargo da repatriación destes estudantes atrapados en Italia. Néstor Rego pide que se adopten as medidas necesarias para dar atención adecuada a todos estes cidadáns e cidadás e resolver a situación canto antes.