BNG exixe derrogar as contrarreformas laborais e urxe á Xunta a poñer en marcha un Plan de futuro para protexer á clase traballadora

Manifestación CIG Vigo
Manifestación CIG Vigo
Pontón recrimina ao Goberno Central que, despois de 1.064 días do desaloxo do Partido popular do goberno,  manteña  vixente unha reforma laboral que prexudica gravemente aos traballadores e traballadoras e afirma que xa “non hai escusas” para derrogar as contrarreformas laborais
Na celebración do 1ª de maio, Día Internacional da Clase Traballadora, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón recriminou ao actual goberno do Estado que, despois de 1.064 días do desaloxo do Partido popular,  “ non derrogara  as contrarreformas laborais” que empeoran  gravemente ás condicións de traballo. Hai “unha débeda” coa clase traballadora de Galiza e unha necesidade urxente de “derrogar esas reformas laborais”. Xa “non valen as escusas”, recalcou a líder do BNG, hai que poñer en marcha medidas urxentes  para protexer aos traballadores e traballadoras e  xerar emprego “de calidade e con futuro”.

Na manifestación do 1º de maio, celebrada en Vigo, Pontón salientou  que as consecuencias da pandemia provocaron unha crise económica e social sen precedentes en Galiza. Os últimos datos publicados pola EPA, explicou confirman “a demoledora situación sociolaboral” co incremento do desemprego   e máis precariedade  ao  que sumou a emigración de 200 mil persoas, na última década.

Ana Pontón manifestación 1º de maio VigoPontón reclamou medidas urxentes ante unha crise que afecta de maneira especial ás mulleres e mocidade. Non podemos permitir que a mocidade galega padeza unha segunda crise que a conduza a unha canella sen saída, aseverou.

Unha Xunta incapaz de liderar unha saída da crise

A portavoz nacional do BNG urxiu á Xunta a poñer en marcha un Plan de futuro para unha saída social a crise e criticou que o goberno galego defenda á banca e as grandes empresas mentres deixa “na estacada” aos traballadores e traballadoras en Galiza. Necesitamos urxentemente “un plan de futuro” que sente as bases cara unha Galiza innovadora, que loite contra as desigualdades de clase e para iso é preciso mudar as actuais políticas, reiterou.

Non aceptamos “un goberno de brazos caídos” nin que nos tenten convencer de que para optar aos fondos europeos son necesarios máis recortes “sociais e nas pensións”. Non é xusto que as persoas pensionistas galegas, coas pensións máis baixas do Estado, se lles diga que o futuro vai ligado ao  recorte das súas prestacións. Dende o BNG, “nunca aceptaremos este marco” porque  Galiza ten futuro pero é necesario “derrogar as reformas laborais” e que a Xunta lidere a saída da crise.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG