Congreso

O BNG exixe convocar con urxencia a Mesa das Auxiliares das Pontes

Encontro As Pontes
Encontro As Pontes

Néstor Rego demanda un compromiso por parte do Goberno español para o mantemento do emprego da industria auxiliar mentres non se acaden compromisos na Mesa das Auxiliares.

O BNG aposta por un plan de reindustrialización galego e a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega que lle permita as empresas e as familias beneficiarse da riqueza enerxética do país.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar unha Proposición Non de Lei para instar o Goberno español a impulsar con urxencia e a maior brevedade posíbel a constitución e convocatoria da Mesa das Auxiliares das Pontes. O BNG demanda a través desta iniciativa parlamentaria que se comprometa o mantemento do emprego na industria auxiliar mentres non se acaden compromisos na mencionada Mesa.

O deputado Néstor Rego, que no día de onte estivo reunido nas Pontes co Comité de Transición Enerxética e coas traballadoras e traballadores das empresas auxiliares, xa anunciou que a través desta iniciativa parlamentaria demandaría unha maior implicación e colaboración da Xunta da Galiza no exercicio das súas obrigas competenciais na materia.

Rego salientou a importancia para Galiza de ter un plan galego de reindustrialización e combater a deslocalización de empresas, cunha normativa específica e cun maior investimento en I+D+i para gañar en competitividade, así como a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega que lle permita as empresas e as familias beneficiarse da riqueza enerxética do país, unha tarifa diferenciada que xa existe en países como Reino Unido, Suíza ou Alemaña, e que no Estado español ten Euskadi para as súas empresas.

O BNG rexeita que unha empresa como Endesa, que explotou os nosos recursos naturais até esgotalos e que obtivo beneficios multimillonarios, pretenda cesar a actividade sen que haxa ningunha alternativa que garanta a continuidade do emprego nas Pontes e na comarca. Néstor Rego, criticou que o Goberno español non teña previsto ningún plan alternativo posto en marcha para a reactivación da actividade económica na comarca das Pontes a pesar de impulsar unha transición enerxética que en todo caso debe ser xusta socialmente. E iso implica a dotación dos recursos económicos necesarios para garantir novas actividades económicas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG