BNG exixe ao Goberno rexeitar o proxecto da Central Hidroeléctrica reversíbel Xistral

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego demanda unha coordinación entre a Administración estatal e a galega para elaborar unha planificación da produción enerxética que cumpra criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio

A organización nacionalista reclama a paralización de todos os proxectos en trámite, a destacar os máis de 200 proxectos eólicos, pois supoñen graves prexuízos para o patrimonio natural e cultural, a economía e as persoas.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas nas que reclama ao Goberno do Estado que rexeite o proxecto da Central Hidroeléctrica reversíbel Xistral. Rego urxe paralizar todos os proxectos de produción de enerxía, sobre todo os de carácter eólico, que se atopan en tramitación na Galiza e demanda elaborar, conxuntamente coa Xunta de Galiza, unha planificación para a produción de enerxía atendendo a criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio, ao servizo dos intereses do País e non das grandes compañías eléctricas.

Foi iniciada a tramitación diante do Ministerio de Transición Ecolóxica da autorización para instalar unha central hidroeléctrica reversíbel na comarca da Mariña lucense, que afectaría aos concellos do Valadouro, Ourol, Alfoz, Cervo e Xove. Este novo proxecto de produción enerxética ven a sumarse aos centos, sobre todo de carácter eólico, que xa se atopan en tramitación en todo o territorio galego, que invaden toda a xeografía e denotan unha completa falta de planificación.

O Ministerio permite que sexan as empresas as que escollan libremente onde queren instalarse, isto está levando a que moitas iniciativas acaban por solaparse, mais aínda así, a valoración dos proxectos faise individualmente e non de forma conxunta como debera. É dicir prodúcese unha fragmentación dos proxectos e tamén das súas valoracións de impacto ambiental que non permite un estudo adecuado.

“A Central Hidroeléctrica Xistral constituiría o maior complexo hidráulico de Galiza e daría lugar, de levarse adiante, unha grave degradación da zona, a pesar de que Galiza, neste momento, é exportadora de máis de 30% da enerxía que xera” explica o deputado nacionalista facendo referencia á ausencia de planificación. Un proxecto innecesario que serviría única e exclusivamente para exportar a enerxía para maior lucro das compañías eléctricas e “sen beneficios directos no territorio mais cun grande impacto na superficie natural, terras agrarias e grave deterioro dos valores ambientais”.

Ademais, a zona na que se pretende implantar está afectada por distintos réximes de protección medioambiental, como é por exemplo a Zona de Especial Conservación do Xistral “que non permite instalar presas ou outras infraestruturas semellantes na súa zona de protección” sinala Néstor Rego. “As turbeiras de cobertura propias desta zona son un ecosistema único, un patrimonio natural que non pode verse afectado” continua o deputado “ademais é preciso destacar o grande impacto sobre o propio río Ouro, declarado como Lugar de Importancia Comunitaria e catalogado como ZEC en 2014”, que conta con especies da fauna e flora rexistradas como silvestres en réxime de protección especial. “É evidente que é completamente contrario á protección deste ecosistema permitir obras e a creación de infraestruturas directamente no curso” reivindica Rego.

“A todo o anterior engádese a afectación a outros espazos protexidos como a Reserva da Biosfera Terras do Miño, as Zonas Protexidas de Augas Potábeis Ortegal- A Mariña e Ribadeo- Valadouro, e sobre a Reserva Natural Fluvial Río Cobo” enumera o deputado nacionalista. Ademais, execución das obras nesta contorna suporá a redución da superficie dos distintos hábitats, a modificación do funcionamento hidrolóxico, aparición de áreas de erosión e unha diminución da permeabilidade que son incompatíbeis coa súa protección.

Así mesmo, afectará a numerosos bens declarados BIC e bens patrimoniais que verían alterada a súa contorna como a Torre de Parga, a Igrexa de San Pedro, a Torre de Silán, ou a Igrexa de San Martiño de Mondoñedo, ademais de mámoas, castros e outros restos arqueolóxicos e patrimoniais que tamén deben ser protexidos.

“Ademais, a construción da presa suporá graves afeccións de carácter económico e social, con todo, o estudo presentado non analiza este impacto. Para empezar, suporá asolagar e inutilizar grandes extensións de terras de gran produtividade agrícola, gandeira e forestal. Tamén afectará directa a múltiples vivendas e poboacións próximas e que tampouco se contemplan no estudo” denuncia o deputado nacionalista.

Rexeitar este proxecto de central hidroeléctrica e paralizar a tramitación de todos os proxectos de produción de enerxía, sobre todo de carácter eólico, é máis necesario que nunca. “Hai que estabelecer, en coordinación coa Xunta de Galiza, unha planificación eólica asentadas en criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio, que protexa o patrimonio natural e cultural respectando o desenvolvemento e o mantemento de actividades de aproveitamento agrícola e forestal” conclúe Rego.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG