Congreso

O BNG exixe ao Goberno español iniciar xa o dragado da Ría do Burgo

Encontro Ría do Burgo (arquivo)
Encontro Ría do Burgo (Arquivo)
Néstor Rego lembrou que o dragado, rexeneración e recuperación da Ría do Burgo é un dos puntos do acordo de investidura asinado polo BNG e o Partido Socialista.

Néstor Rego, deputado polo BNG no Congreso, exixiu ao Goberno español que axilice a tramitación deste proxecto e inicie as obras de dragado da Ría do Burgo xunto coa adopción de medidas de protección e vixilancia do ecosistema durante e despois da súa finalización. Distintos colectivos ecoloxistas, sociais e o propio BNG veñen reclamando nos últimos anos unha actuación completa que permita recuperar o valor ambiental e económico da ría.

O BNG cre que a rexeneración da Ría do Burgo debe ser un proxecto integral, en que o dragado comprometido xa polo Goberno, debe ser só unha parte. Os nacionalistas defenden que debe impulsarse de forma complementaria un plan de conservación e rexeneración ambiental que permita recuperar os seus valores ambientais e o seu potencial produtivo. “A Ría do Burgo durante os anos oitenta deu traballo a preto de dous mil mariscadores e mariscadoras, mais agora a súa capacidade produtiva apenas chega a 20%, empregando unhas cen persoas en actividades extractivas” subliñou o deputado.

Néstor Rego instou a que se inclúa unha partida orzamentaria suficiente nos próximos Orzamentos Xerais do Estado que permita comezar as actuacións de limpeza da Ría, superando por fin ese eterno estado dun proxecto en constante estudo. A pesar dos compromisos orzamentarios anunciados desde o Goberno español, o deputado nacionalista lembrou que as actuacións de dragado da Ría seguen a día de hoxe sen se iniciaren. “Nos Orzamentos Xerais do Estado de 2017 recollíase un millón de euros para o inicio do proxecto, cantidade a todas luces insuficiente para o acometimento do conxunto do proxecto, mais que serviría para darlle inicio. Non entanto, non se executou nin un euro desa partida” destacou o deputado nacionalista.

O deputado do BNG lembrou que o dragado da Ría forma parte do acordo de investidura que asinou o PSOE coa formación nacionalista a 4 de xaneiro deste mesmo ano. “No punto catro do acordo, fica recollido de maneira moi clara e cito literalmente: reactivar o plan de dragado, rexeneración e recuperación da Ría do Burgo, recuperando os fondos xa propostos polo Estado, 24 millóns de euros, e recabando os fondos accesíbeis da Unión Europea”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG