CONGRESO

O BNG exixe ao Goberno español que condene o ataque terrorista cometido polos EEUU contra a soberanía de Iraq

Non á Guerra
Non á Guerra

O deputado nacionalista rexistrou unha pregunta escrita no Congreso para saber se vai condenar un acto que atenta contra a soberanía iraquí e pon en risco a paz na rexión. 

Néstor Rego interesouse tamén por coñecer se o goberno ten previsto retirar as tropas españolas de Iraq.

O BNG exixe ao Goberno español que condene o ataque terrorista cometido polos EEUU contra a soberanía de Iraq

Esta mesma mañá o deputado Néstor Rego rexistrou unha pregunta escrita en relación co ataque terrorista dos EEUU en Iraq, que lle custou a vida do xeneral iraní Qasem Suleimani e que ameaza con provocar unha escala de violencia e un novo conflito na rexión.

O BNG rexistrou unha iniciativa para saber porque o Goberno español non condenou aínda unha acción unilateral dos EEUU que viola a soberanía de Iraq e o dereito internacional, e tamén para coñecer se o goberno ten previsto a retirada das tropas de Iraq.

A continuación o texto íntegro da pregunta parlamentaria presentada ao Goberno:

Na pasada sexta feira, 3 de xaneiro, os Estados Unidos perpetraron un ataque que acabou coa vida do xeneral iraniano Qasem Suleimani e de varios dos seus acompañantes. Foi claramente un acto de terrorismo internacional, realizado nun país soberano sen autorización do seu goberno e contra un alto cargo dun terceiro estado que se encontraba en misión diplomática.

O propio primeiro ministro iraquí, Adil Abdul- Mahdi, denunciou a bárbara acción dos EE. UU., que atenta contra a súa soberanía e contra o dereito internacional sinalando que Trump lle pediu mediar con Irán e despois asasinou o seu convidado. É dicir, o goberno norteamericano sabía que Suleimani se achaba en Bagdag para reunirse co primeiro ministro iraquí.

Este ataque terrorista é parte da estratexia inxerencista e belicista dos Estados Unidos, á procura dunha reacción -que xa se produciu co ataque iraniano a dúas bases norteamericanas- que active unha escalada de violencia para desestabilizar a rexión de Oriente Medio e xustificar diante da opinión pública internacional accións contra os estados soberanos que non se someten aos seus designios. Responde, por tanto, aos intereses estratéxicos norteamericanos e, probabelmente tamén a algúns tácticos, tendo en conta o contexto interno en EE. UU., marcado polo impeachment e as próximas eleccións presidenciais.

Fronte a esta acción terrorista unilateral e irresponsábel dos Estados Unidos, nin a Unión Europea nin tampouco o goberno español condenaron o atentado contra Qasem Suleimani, que pon en perigo a paz na rexión e aboca a un novo conflito de consecuencias imprevisíbeis.

Ademais, o Estado español está presente no foco do conflito con 550 militares na base de Besmayah e outros 13 como parte dunha operación da OTAN en Iraq, dos cales, segundo informa o Ministerio de Defensa, 10 xa terían sido trasladados fóra dese país.

Hai que lembrar que o Parlamento iraquí solicitou aos Estados Unidos a retirada das súas tropas de Iraq, posición que tamén asumiu o goberno e o primeiro ministro. Cabe, por tanto, supor que a pretensión de Iraq é recuperar plenamente a súa soberanía a partir da retirada de todas as tropas estranxeiras que aínda permanecen no seu territorio.

O risco de que o conflito de EE. UU. con Irán se estenda tamén a Iraq é alto, especialmente a partir da negativa do goberno norteamericano de retirar as súas tropas, como solicitan as autoridades iraquís. Hai que destacar que o goberno iraquí considerou un ataque á súa soberanía a acción terrorista dos EUA, mais non a reacción militar de Irán, o que indica que existiu o placet para que puidese ser realizada.

Neste contexto, ao noso xuízo, é urxente a retirada de todas as tropas españolas de Iraq, unhas tropas que nunca deberon estar alí, poisfoi consecuencia -convén lembralo- da implicación do Estado español na guerra imperialista contra o pobo iraquí, comandada polos Estados Unidos e xustificada con pretextos que finalmente se demostraron absolutamente falsos.

Por que non condenou o goberno español o ataque que acabou coa vida de Qasem Suleimani a pesar de ser evidente que vulnerou a soberanía de Iraq e o dereito internacional? Vai facelo?

Pensa o goberno español solicitar á Unión Europea que condene o ataque e actúe para frear as accións unilaterais dos Estado Unidos co obxectivo de asegurar un escenario de diálogo e paz na rexión?

Ten previsto o goberno español retirar a totalidade das tropas aínda estacionadas en Iraq?