congreso

BNG exixe ao Goberno español un calendario para a recuperación industrial das Pontes

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego recrimina ao Executivo de Pedro Sánchez a inacción ante a grave crise social e económica xerada pola decisión de ENDESA de cesar a actividade e reclama a aplicación das medidas que acordou a Comisión de Industria por iniciativa do BNG.

Bloque Nacionalista Galego (BNG) acaba de rexistrar unha iniciativa no Congreso para que o Goberno español presente xa un calendario de actuación para a recuperación industrial e económica das Pontes, en aplicación da resolución aprobada na Comisión de Industria no pasado 16 de febreiro para a transición xusta e tomando en conta as medidas nela recollidas. A iniciativa coincide cunha nova xornada de mobilizacións dos traballadores e traballadoras afectadas polo fechamento de ENDESA.

A formación nacionalista insiste en que o Goberno español ten resortes suficientes para atallar as consecuencias da decisión de ENDESA de cesar a actividade, polo que recrimina a inacción do Executivo de Pedro Sánchez diante dunha situación que pode supor a perda de más de 800 empregos directos e varios millares indirectos. O deputado Néstor Rego lembra que no pasado 16 de febreiro foi aprobada unha resolución -que partiu dunha inicitiva do BNG- na Comisión de Industria do Congreso instando o Goberno a actuar.

Rego salienta que na citada resolución “estaban incluídas até nove medidas que teñen por obxectivo evitar que ENDESA feche sen alternativas económicas e de emprego e tamén recuperar a actividade industrial nas Pontes para garantir futuro e emprego na comarca”.

Segundo sinala Néstor Rego, entre outras cuestións, o Congreso reclama “condicionar o proceso de fechamento da planta e a posíbel participación de Endesa na poxa de evacuacións e novas autorizacións, concesións e adxudicacións de  MW á consecución dun acordo coa representación das e os traballadores que garanta o emprego na empresa principal e as auxiliares e proxectos concretos de futuro”. Tamén que a asignación de novas instalacións de produción de enerxías renovábeis nas Pontes e en toda a comarca conteña, necesariamente, un proxecto de desenvolvemento económico e un plan industrial para a súa execución.

Para iso, pídese posibilitar que as concesións de acceso aos  nodos de rede afectados polo fechamento das térmicas na Galiza sirvan para incentivar a implantación de proxectos nos territorios que perden tecido empresarial e blindar o emprego nestas zonas onde se poxa a capacidade de acceso á rede de transporte.

Reclama ademais a resolución garantir a implementación de novos proxectos industriais na comarca que emanen dos convenios de transición xusta e dos plans  Futur-E de Endesa, así como cumprir tanto os obxectivos como as diferentes medidas acordadas no Plan de Acción Urxente 2019-2021 para comarcas de carbón e centrais en fechamento de maneira que se ofreza unha solución de continuidade industrial á central das Pontes e se garanta o mantemento dos postos de  traballo non só da central senón tamén os da industria auxiliar e dos transportistas.

Nesa liña, o Congreso instou o Goberno do Estado a convocar de forma urxente a Mesa de Traballo para  a Transición Enerxética Xusta para As Pontes, así como a constitución dunha mesa específica para tratar a problemática do persoal da industria auxiliar de ENDESA co obxecto de concretar o número de traballadores/ as afectados/ as e a súa garantía de emprego.

Aliás, demándase a implicación e colaboración do Goberno español e da Xunta de Galicia para apoiar conxuntamente os proxectos industriais e de reindustrialización necesarios a implantar nas Pontes para optar aos Fondos da UE Next Xeración e avanzar no Convenio de Transición Xusta para As Pontes para poder completalo canto antes cun cronograma definido de financiamento e accións a realizar.

“Pasado case un mes desta resolución parlamentar non houbo ningún movemento por parte do Goberno, nunha actitude de pasividade que resulta incomprensíbel dada a gravidade da situación xerada pola decisión de ENDESA e pola renuncia a seguir operando con biocombustíbeis”, salienta Rego, que reclama unha mudanza de actitude por parte dos Ministerios de Industria e Transición Ecolóxica e un calendario definido de actuación.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG