O BNG exixe ao Goberno que actúe ante a vulneración dos dereitos laborais nas obras do AVE

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego considera inadmisíbel que na execución dunha obra pública os traballadores e traballadoras sexan explotados vulnerando a legalidade.

Exixe que as empresas concesionarias manteñan rexistros de horarios veraces e se fagan cargo da remuneración e cotización polas horas extraordinarias realizadas.

O BNG advirte que, ademais de pór en risco a saúde e seguranza do persoal, estase a defraudar a Seguridade Social.

O deputado do BNG, Néstor Rego, vén de denunciar no Congreso a vulneración dos dereitos laborais dos traballadores e traballadoras das concesionarias que traballaban nas obras públicas do AVE polas que transcorre a vía nos tramos ourensáns denominados “Campobecerros – Taboadela” e o tramo da Gudiña.

Rego recolle a denuncia presentada pola Confederación Intersindical Galega (CIG), que achega probas que acreditan que as empresas concesionarias obrigan os seus traballadores e traballadoras á realización dunha serie de horas extraordinarias que non son remuneradas e que alongan a xornada laboral, sen respectar os períodos mínimos de descanso.

O BNG advirte que se están a vulnerar os mínimos dereitos laborais, pondo en risco a saúde e a seguranza dos e das traballadoras e, ademais, estase a defraudar a Seguridade Social, pois esas horas non aparecen reflectidas nas nóminas e non son cotizadas. Néstor Rego exixe que as empresas concesionarias manteñan uns rexistros de horarios veraces e se fagan cargo da remuneración e cotización polas horas extraordinarias realizadas.

O deputado nacionalista salienta que “é inadmisíbel que na execución dunha obra pública os traballadores e traballadoras sexan explotados vulnerando a legalidade”. E engade que “non se pode consentir que as concesionarias falseen os rexistros da xornada para permitir que, desa forma, os seus operarios dupliquen ou tripliquen a xornada laboral, sen respectar os períodos mínimos de descanso”.

O BNG denuncia que está situación é coñecida e mesmo fomentada polos responsábeis nos distintos niveis de mando que, coas súas presións aos traballadores e traballadoras e as xornadas extenuantes, están provocar o aumento das posibilidades de que se produza un accidente grave. Néstor Rego lembra que “desde 2007 foi detectada unha alta taxa de sinistralidade en todos os tramos das obras do AVE realizadas na Galiza, con numerosos feridos e mesmo accidentes mortais”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG