O BNG estreita lazos coa emigración galega e as forzas de esquerda de Uruguai e Arxentina

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón denuncia a  falta de “estratexia” do Goberno galego coa emigración  e anuncia iniciativas para salvar o Centro galego de Bos Aires, especialmente  a  protección para a habitación na que faleceu Castelao

Recen chegada da súa visita de Uruguai e Arxentina, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón  fixo hoxe balance dos encontros coa diáspora e as forzas de esquerda de ambos países. Unha visita que permitiu, a xuízo de nacionalista,  “afianzar os  lazos do BNG coa emigración galega e as relación internacionais con forzas de esquerda e movementos sociais de América Latina” sobre todo nun momento, dixo, no que se está a producir un auxe da extrema dereita, a un lado e outro do Atlántico.

O BNG COMPROMÉTESE COA EMIGRACIÓN GALEGA

Neste sentido, a portavoz do BNG salientou a preocupación dalgúns sectores da emigración galega pola desprotección que están a vivir na súa vellez ao que sumou  situacións de dependencia. Nesta liña, anunciou o seu compromiso de levar ao Parlamento galego medidas que impulsen a Lei de dependencia para a emigración galega.

Por outra parte, asegurou que é necesario para os emigrantes galegos e galegas manter os vínculos culturais e lingüísticos con Galiza e avanzou que o BNG presentará propostas para restituír o Lectorado da Universidade de Montevideo como figura fundamental para transmitir o galego fora das nosas fronteiras. O Centro de Galicia, explicou,  trasladou ao BNG a falta de apoio económico da Xunta  para o ensino da lingua e denunciou a “falta dunha estratexia clara de relación da Xunta coa emigración” máis ben, atopamos, dixo, “un enfoque tradicional e desfasado”. Na súa opinión,  as  sinerxías deben ser aproveitadas, tanto dende o punto de vista económico como cultural.

AÍNDA É POSIBLE SALVAR O CENTRO GALEGO DE BOS AIRES

Ana Pontón tamén se referiu a actual situación “agónica” do Centro galego de Bos Aires, produto de decisións equivocadas do Goberno de Mauricio  Macri que conlevou o “desmantelamento do Hospital” coa conseguinte desatención sanitaria á comunidade galega, ademais do  grave risco de desaparición do seu patrimonio cultural ao que sumou o “simbolismo” do Hospital no que faleceu Castelao e cuxa habitación permanece a modo de museo.

Para Pontón, as decisión políticas conduciron ao Centro galego a unha situación límite agravada pola desvinculación do centro coa Fundación Ospaña e avanzou que o BNG “exixirá explicacións á Xunta sobre esta desvinculación” así como unha clara implicación do Goberno galego para salvar o centro. “Aínda estamos a tempo”, recalcou, e rexistraremos unha iniciativa para negociar co Goberno de Arxentina que non permita o desmantelamento e venda do centro e poder salvagardar o hospital e todo o seu  patrimonio cultural.

Nas próximas semanas o parlamento arxentino impulsará unha iniciativa para a declaración BIC deste espazo e dende Galiza, manifestou, “debemos a declaración”.

ENCONTRO CON MUJICA, TOPOLANSKY E TABARÉ

Na súa estadía en Uruguai, Pontón destacou o encontro co ex-Presidente Jose Mújica, a actual Vicepresidenta, Lucía Topolansky e o Presidente de Uruguai, Tabaré Vázquez, encontros que  serviron para afianzar relacións e constatar que as  forzas de esquerda que loitan contra o neoliberalismo  están a conseguir melloras nas condicións de vida e sacar da pobreza a centos de persoas.

Finalmente, Pontón lembrou que tamén mantivo diversas reunións en Bos Aires co Movemento en defensa do aborto  e concretamente coas “deputadas sororas” que defenderon a Lei do aborto no Congreso e Senado e que a pesar de non triunfar, “foi un paso adiante” para converter “ese dereito en Lei”. Ademais , engadiu levaremos adiante  un intercambio de lexislacións de loita contra a violencia de xénero.

 
 

 

 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG