BNG estre o podcast Radio Frontón

Radio Frontón
Radio Frontón
O obxectivo é contribuír ao debate sobre cuestións de interese social usando novas vías de interactuar coa cidadanía a través das súas RRSS

O BNG estrea hoxe nova canle de comunicación, Radio Frontón, un podcast que difundirá a través das súas redes sociais nun formato que cada vez ten máis seguidores e seguidoras, e co que a formación nacionalista quere contribuía ao debate sobre cuestións de actualidade ou temas que preocupan á cidadanía e que non sempre son capaces de abrirse espazo na esfera pública.

Radio Frontón arranca cun debate de trinta minutos no que aborda a cuestión da gordofobia. Tomando como punto de partida unha recente reflexión da eurodeputada Ana Miranda no seu muro de facebook, este primeiro podcast repasa este asunto con persoas expertas na materia, procedentes das áreas da psicoloxía ou da sanidade pública, entre elas a deputada e médica, Iría Carreira.

Carreira explica que “a obesidade está cualificada como unha patoloxía desde fai moito tempo, enfermidade que ademais é un factor de risco para padecer outras, pero non pode ser amparo para actitudes discriminatorias e que mesmo poden xerar outro tipo de problemas de saúde nas persoas que as sofren”, alega.

Unha discriminación derivada tamén da imposición social de determinados patróns ideais de beleza, -que afectan especialmente ás mulleres-, contra os que precisamente se revelaba a eurodeputada Ana Miranda no seu comentario en redes sociais. “Abres o facebook e xa che lembra que debías adelgazar, facer exercicio e dietas milagrosas, botar cremas. Aquí vai a resposta a tanta gordofobia inherente, persistente, maleducada. Farta de gordofia nas redes, nos ollares e no subliminar”, escribía Miranda no seu muro, obtendo unha enorme resposta.

A deputada do BNG no Parlamento Europeo, explica no podcast o porqué dese comentario. “Como moitas outras persoas teño tendencia a engordar e levaba varios días mosqueada porque cada vez que abría o teléfono aparecíanme anuncios de cremas adelgazantes e redutoras, ximnasios milagreiros e non sei cantas cousas máis. E ese día cabreeime e decidín poñer o comentario”, explica.

Miranda, destaca que considera importante debater sobre este asunto “porque a sociedade nos conduce a adelgazar por estética, outra cuestión é que haxa que controlar o peso por saúde, para controlar o colesterol e todo o que é importante que xa sabemos, pero ben distinto e que se nos obrigue a ser prototípicas e prototípicos. Eu négome e tiña que dicilo, tiña que dicilo porque a min me está pasando”, confesa.

Radio Frontón, que pode escoitarse desde hoxe nas RRSS do Bloque, emitirase con periodicidade regular abordando temas de actualizade cos que contribuír a poñer o foco en cuestións de gran afectación social, aportando voces e argumentos ao debate de temas que interesan á cidadanía.

Pode escoitar sen Ivoox e Spotify.

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG