Congreso

BNG estabelece as liñas fundamentais para os Orzamentos de 2023

Néstor Rego
Néstor Rego

Incremento dos investimentos para a Galiza, desenvolvemento de políticas sociais progresistas e unha reforma fiscal “xusta e redistributiva” entre os eixos en que pivotará a negociación

Néstor Rego prioriza a modernización da rede ferroviaria interna, a implantación do servizo de cercanías e a conexión da Galiza con Portugal para apostar verdadeiramente nun medio de transporte eficaz, eficiente e sustentábel

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presenta as liñas de actuación que desenvolverá a formación para o Proxecto de Orzamentos para 2023. Desenvolvemento da Axenda Galega, aumento nas políticas sociais, reforma da política fiscal e a renuncia no aumento do gasto militar serán os eixos fundamentais dentro da dinámica da negociación marcada pola frente nacionalista, como “mostra coherente do que vimos defendendo durante toda a lexislatura”.

Para a organización nacionalista, o investimento na Galiza será determinante para a súa posición na votación final do Proxecto de Orzamentos para 2023. Néstor Rego lembra a dinámica do executivo estatal para coa Galiza: “orzamenta pouco e ademais non executa. Sabemos que o grao de execución dalgunhas obras é moi baixo. En 2021, só se executou 67% do orzamentado para a Galiza. É dicir, 1 de cada 3 euros non foi executado”. Pola contra, na Comunidade Autónoma de Madrid executouse 184%, case o dobre do orzamentado.

“Centraremos o debate no investimento en materia de infraestruturas ferroviarias para recuperar o atraso histórico neste eido. Sabemos que apostar por unha transición xusta no transporte significa apostar por un modo de mobilidade eficaz, eficiente e sustentábel como é o ferrocarril” afirma Rego.

Alén do máis, estabelece como prioritario -froito da visión política da organización e tamén do consenso na Galiza- a conexión ferroviaria entre a Galiza e Portugal. “O Goberno portugués prioriza claramente o Eixo Atlántico mais falta o compromiso do Estado español para unha conexión ferroviaria que para a Galiza é fundamental, tanto na relación social como económica” subliña o deputado do BNG.

“Non esquecemos reclamacións históricas como a modernización da liña A Coruña-Lugo, que non coñeceu modificacións importantes nos últimos cen anos, A Coruña-Ferrol, a antiga liña FEVE entre Ferrol e Ribadeo ou a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela” incide Rego. Mais, sobre todo, a frente nacionalista reclamará a implantación do servizo de cercanías ferroviarias nas áreas urbanas e metropolitanas. “Non hai ningunha razón para que a Galiza non conte cunha rede de cercanías, é unha discriminación evidente. Unha rexión urbana como a de Vigo-Pontevedra, que conta con 750.000 habitantes carece delas cando hai cidades con 270.000 que teñen servizos de cercanías” explica.

“Galiza atravesa unha crise industrial que, cada ano, leva por diante centenares de postos de traballo e que ten o foco en sectores como a industria electrointensiva, o naval ou mesmo o inicio dese proceso no sector automobilístico” enumera o deputado. Rego defenderá que o Goberno do Estado cumpra os compromisos en materia de transición xusta para As Pontes e Meirama “con alternativas de creación de emprego e substitución da actividade fechada”, así como impulsar o sector naval -non só co PERTE- en zonas como Vigo, con Vulcano, ou modernizar e diversificar Navantia coa incorporación da construción naval civil.

Desenvolver políticas sociais progresistas

“A evolución dos salarios dos empregados públicos acaban marcando a negociación no ámbito privado. Cremos que ningún traballador e traballadora debe perder poder adquisitivo e, nesa liña, entendemos que o incremento pactado -con algúns sindicatos- é insuficiente” explica o deputado nacionalista. O mesmo acontece coa suba do Salario Mínimo Interprofresional, que se incrementou en 2022 en 3,6, lonxe do 6,5%, en que seituou a inflación en decembro de 2021. Hoxe é peor.

Neste sentido, Rego defenderá “un incremento acorde coa inflación da mesma maneira que nas pensións”. Na mesma liña, a frente nacionalista entende que é necesario cumprir co compromiso de realizar un incremento maior das pensións mínimas. “Axudaría a reducir a fenda de xénero e a fenda territorial. É sabido que as mulleres teñen pensións medias máis baixas que os homes e territorios como a Galiza, a destacar Ourense, con pensións que se sitúan en 60% da máis alta” salienta.

Reclamará tamén o BNG o cumprimento de compromisos en política social adquiridos, por exemplo, polo Partido Socialista para que “a participación do Estado en materia de dependencia se sitúe en 50%, tal e como estabelece a propia Lei” ou o que figura no acordo de investidura asinado entre PSOE e BNG para a creación de tres xulgados de violencia de xénero en Santiago de Compostela, Ourense e Lugo. Así mesmo, o BNG reclamará desenvolver unha política de vivenda pública, de vivenda social e con limitación do prezo do aluguer así como a transferencia dos activos da SAREB á Xunta de Galiza.

“Que pague máis quen máis ten”

En relación a política fiscal, Néstor Rego entende que se debe ir a “unha política máis xusta e redistributiva para beneficiar as clases populares e o conxunto das traballadoras e traballadores”. “Reclamaremos que os anuncios do Goberno -que no seu momento cualificamos de tardíos e insuficientes, dado que se conciben como temporais- se transformen en políticas permanentes e estaremos atentos para ver como se articulan para as eléctricas, as enerxéticas ou a banca. A fórmula de gravar os beneficios extraordinarios é dubidosa, o que hai que gravar son os beneficios da banca, as eléctricas, as grandes fortunas e patrimonios” incide o deputado do BNG.

Renuncia ao aumento do gasto militar

O BNG reclamará tamén que o Goberno renuncie ao anunciado aumento do gasto militar até 2 % do PIB. “É aberrante que, nunha situación de extrema crise social e económica, se destinen máis recursos para o gasto militar”. Rego defende que a prioridade debe ser  atender cuestións básicas como a alimentación, a luz, a calefacción ou ingresos mínimos para unha vida digna.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG