BNG esixirá á Xunta que deixe de pagar o salario dos curas nos hospitais públicos

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado reclamará no Parlamento que o Sergas invista os máis de 700.000 euros anuais que gasta en 52 curas á contratación de profesionais
BNG esixirá á Xunta que deixe de pagar o salario dos curas nos hospitais públicos

A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, vén de rexistrar no Parlamento galego un paquete de iniciativas para esixir á Xunta que faga efectivo o principio de laicidade e aconfesionalidade recollido no ordenamento xurídico e deixe de costear con cartos públicos a denominada “atención pastoral” da igrexa católica dentro do Sergas, destinando estes recursos á contratación de persoal sanitario.

Prado critica que “mentres a sanidade pública galega sufriu distintos recortes, entre eles a eliminación de prazas e a non substitución doutras, o Sergas mantén capeláns con salarios a cargo da Administración pública nos hospitais galegos”. Así, recorda que nos orzamentos deste ano 2021 hai consignada unha partida de máis de 700.000 euros para abonar as nóminas dun total de 52 capeláns, cifras que, segundo recalca, "non deixaron de medrar, dado que en 2013 era 41 salarios e as retribucións totais ascendían a arredor de 500.000 euros”.

Neste sentido, a deputada nacionalista considera que a recente resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza -na que o alto tribunal rexeita que a relación que manteñen os capeláns no Sergas sexa laboral e que en ningún caso poden considerarse persoal laboral do mesmo por estimar esta actividade totalmente allea ao Servizo Galego de Saúde- “resulta moi clarificadora e reafirma a denuncia que vimos realizando dende o BNG de que con cartos públicos se estea costeando un servizo relixioso que debe quedar no ámbito estritamente privado”.

Para Prado, “a Xunta non debe seguir mantendo os privilexios da Igrexa católica na sanidade pública e por iso reclamaremos no Parlamento que deixe de pagar as nóminas destes 52 capeláns e destinar os máis de 700.000 euros que custan ao ano á contratación de persoal sanitario”, conclúe. 
 

BNG esixirá á Xunta que deixe de pagar o salario dos curas nos hospitais públicos