O BNG esixirá no Parlamento que a Xunta levante o veto ás melloras da OU-533 en Viana do Bolo

OU-553
OU-553

Noa Presas, deputada no Parlamento Galego, visitou a zona co alcalde, Secundino Fernández e o tenente de alcalde, Jose Antonio Alfonso, despois de que a Consellaría de Infraestruturas ignorara as peticións vianesas.

O BNG esixirá no Parlamento que a Xunta levante o veto ás melloras da OU-533 en Viana do Bolo

Noa Presas, deputada no Parlamento Galego, visitou a zona co alcalde, Secundino Fernández e o tenente de alcalde, Jose Antonio Alfonso, despois de que a Consellaría de Infraestruturas ignorara as peticións vianesas que foron trasladadas en numerosas ocasións. O alcalde, Secundino Fernández, recordou que “eu mesmo despraceime a Santiago de Compostela para ter unha xuntanza coa Conselleira e demandarlle estas cuestións, pero Viana non merece máis espera e máis atrasos e diante da falta de dilixencia da Xunta de Galiza presionaremos a través do Parlamento Galego”.

Noa Presas recordou que “a OU-533 é unha vía moi importante que conecta A Rúa coa Gudiña, e é a principal arteria de Viana do Bolo. Non podemos conformarnos con que o tramo central da vía estea en condicións, a contorna debe estar coidada e non ser un problema estético e de seguridade para a veciñanza. Coa mellora da vía quedou un anaco da vía vella no casco urbano de Viana e construíuse un parque entre a parte vella e a vía que está operativa, e non é de recibo que a vía vella non estea en condicións e chea de buratos, sen asfaltar en condicións. Unha e outra vez o concello pediu que se arranxara e se ceda a titularidade. O concello non é quen ten que pagar o arranxo dunha vía que non é súa e polo tanto levaremos este tema ao Parlamento, convencidos de que a Xunta está discriminar Ourense por electoralismo e por non ser do Partido Popular”.

Ademais do acondicionamento e cesión da contorna do parque infantil, o BNG “proporá melloras na contorna do IES Carlos Casares para o que é preciso que se instale unha rotonda onde o bus escolar e o transporte pesado poidan facer cambios de sentido xa que en toda a travesía de Viana non hai onde dar a volta e iso incrementa os riscos de seguridade viaria pois acábanse facendo como e onde non se debe”.

Así mesmo, reclamarase “o arranxo da vía de acceso que corre en paralelo á vía principal, para que viandantes da zona poidan transitar polo camiño e os propietarios poidan acceder ás casas da zona nos seus vehículos sen que iso se converta nunha lameira cada inverno”

Para Presas “non se pode chamar á xente a vivir no rural sen despois contribuír ás súas xustas e racionais demandas, polo tanto faremos de altofalante do goberno vianés para esixir igualdade de dereitos para estes veciños e veciñas que están a ser marxinados pola Xunta de Galiza, que se esquece do rural ourensán”.

 

O BNG esixirá no Parlamento que a Xunta levante o veto ás melloras da OU-533 en Viana do Bolo