BNG esixe á Xunta que solucione os problemas do centro de saúde da Guarda reforzando o cadro de persoal sanitario

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo
Manu Lourenzo denuncia que o Sergas non cubre os cupos médicos e critica que se escude na falta de profesionais cando o problema é a precarización   

O deputado nacionalista Manuel Lourenzo esixiu á Xunta no Parlamento galego que solucione os problemas do centro de saúde da Guarda, dotándoo do persoal necesario, máis tendo en conta que durante o verán triplica a súa poboación. 

Lourenzo denunciou nunha pregunta parlamentaria que “a sanidade pública da Guarda cae a cachos”, en referencia literal ao mal estado e ás deficiencias no propio edificio do centro de saúde, ao tempo que denunciou que conta con oito cupos médicos recoñecidos que nunca se atopan cubertos. “Onte había tres dos oito médicos que atenderon 223 consultas; sete das nove enfermeiras; os propixs profesionais están a facelo público día tras día”, reprochou ao conselleiro de Sanidade.

De igual xeito, subliñou que cada vez que un médico ten que facer unha saída a un hospital implica dúas horas de ausencia; que hai pacientes sen continuidade na Atención Primaria, “sen médico de referencia que as e os coñeza” e cunha praza en pediatría que estaba sen cubrir de setembro a abril.

Ante esta situación, o deputado nacionalista reprobou con severidade a decisión de pechar o centro polas tardes e emprazou ao titular da consellería a cubrir as baixas, manter os cupos abertos, habilitar o dobre equipo no PAC da Guarda e unha ambulancia medicalizada, para o que é preciso reforzar con urxencia o cadro de profesionais.

“Quizais, de ter aplicado unha política de fortalecemento da atención primaria e non de redución da mesma á mínima expresión, o sistema toleraría mellor o impacto da pandemia e as usuarias non terían que esperar 15 ou 20 días por unha cita”, criticou, para a continuación subliñar que poboacións periféricas ou do rural como é o caso da Guarda, saíron “especialmente prexudicadas” desta política de recortes.

Lourenzo negou que o problema estivese na falta de facultativos: “claro que hai médicos e médicas, o que non hai é médicos que aposten pola atención primaria na sanidade pública por culpa da situación de precarización e desmantelamento que vostedes levan implementando nos últimos 30 anos”, concluíu. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG