BNG esixe á Xunta que protexa os intereses das persoas e non os das empresas ante a invasión eólica en Terra de Montes

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará pide unha avaliación conxunta do impacto dos novos parques e a protección dos valores ambientais, económicos e sociais da comarca
BNG esixe á Xunta que protexa os intereses das persoas e non os das empresas ante a invasión eólica en Terra de Montes

O BNG trasladou ao Parlamento galego o clamor maioritario de Terra de Montes fronte á avalancha de proxectos eólicos que representan unha ameaza para o presente e o futuro dos concellos da comarca e reclamou á Xunta que non se poña de perfil e que se poña do lado das persoas e non das grandes empresas do sector.

Así o dixo o portavoz nacionalista de Medio Ambiente, Luís Bará, nunha pregunta en comisión parlamentaria, na que advertiu do negativo impacto sobre as actividades económicas -nomeadamente a gandeira- turísticas e residenciais que supoñen os 11 novos proxectos eólicos previstos nos concellos de Forcarei, A Estrada e Cercedo-Cotobade, unha área caracterizada por contar xa cunha alta intensidade de aproveitamento eólico, con 254 muíños xa instalados principalmente nas serras do Candán e do Cando, incluídas na Rede Natura e ameazadas tamén por outros futuros proxectos de repotenciación.

Bará reclamou ao Executivo galego “sensibilidade” ante este clamor social -feito explícito tanto por distintos colectivos sociais, a plataforma Alerta Terra de Montes e mesmo os propios concellos- e que tome todas as medidas para garantir a preservación dos valores ambientais, paisaxísticos, económicos, sociais e de patrimonio cultural da Terra de Montes, incluídos a Rapa da Bestas, festa declara de Interese Turístico Internacional, ou o Observatorio Astronómico de Forcarei, tamén afectados por distintos proxectos eólicos.  

Con este obxectivo, o deputado nacionalista propuxo a realización dunha avaliación conxunta do impacto dos novos parques na comarca e considerou necesarias medidas como a ampliación da distancia dos aeroxeradores dos núcleos habitados, que agora son de 500 metros, o que non considerou lóxico “coa actual dimensión que teñen os proxectos”.

O deputado nacionalista recalcou que o plan sectorial eólico atópase nunha fase nova caracterizada pola intensificación na cantidade de proxectos, o maior tamaño dos mesmos e a súa localización, “que xa non é en zonas e alta montaña, de cumes da serra, senón en zonas de val, en zonas produtivas ou en zonas residenciais, o que está provocando un grande conflito e unha grande mobilización, que está arrastrando tamén aos propios concellos a adoptar acordos en contra e tamén a presentar alegacións”, segundo explicou. “Estamos ante unha proposta absolutamente aberrante, o plan sectorial está absolutamente obsoleto, non foi sometido a avaliación ambiental estratéxica e o que lle pedimos á Xunta é que se poña do lado das persoas e non do dos intereses das grandes empresas eólicas”, concluíu.

 

BNG esixe á Xunta que protexa os intereses das persoas e non os das empresas ante a invasión eólica en Terra de Montes