O BNG esixe á Xunta a paralización das obras do castro de Toiriz e a reformulación do proxecto con criterios respectuosos

Castro de Toiriz
Castro de Toiriz
Montserrat Prado leva a intervención ao Parlamento galego e advirte de que os danos causados poden ser irreversibles se non se actúa de inmediato
O BNG esixe á Xunta a paralización das obras do castro de Toiriz e a reformulación do proxecto con criterios respectuosos

O BNG vén de presentar no Parlamento galego unha batería de iniciativas para esixir á Xunta a paralización inmediata da execución das obras que se están realizando no castro de Toiriz de Silleda no marco do Proxecto de Restauración e Musealización dos Xacementos galaico-romanos de Pontevedra. De igual xeito, reclama a reformulación do proxecto de acordo a “criterios non invasivos, de respecto, conservación, protección e divulgación”, e que se garanta a información e participación da veciñanza, “como máxima interesada na preservación do castro”.

A deputada Montserrat Prado subliña que os traballos iniciados corroboran os temores amosados dende o inicio do proxecto por diversos colectivos, a veciñanza e a propia formación nacionalista e “confirman -recalca- unhas obras, non de restauración e inmunización, senón de urbanización do Castro: agresivas e distorsionadoras da súa contorna”.

Castro de ToirizNeste sentido, advirte de que a intervención afecta aos muros castrexos soterrados e á estratigrafía arqueolóxica. “Hai un número elevadísimo de buracos na croa, realizados para cimentacións nas que logo situar bancos, paneis de sinaléctica ou luminarias”, explica para a continuación alertar sobre os restos de cerámica avistados entre a terra extraída dos ocos o que, ao seu xuízo, “evidencia, cando menos, un control arqueolóxico cuestionábel”.

A deputada nacionalista -que visitará esta tarde o castro acompañada da voceira municipal, Tania Cornado- lamenta que as advertencias realizadas non foran tidas en conta e a execución da primeira fase do proxecto se estea realizando sen ningunha modificación. “Non hai xustificación para que por parte da Xunta se aprobe un proxecto, e se permita a súa execución, que non salvagarda os valores do castro nin a súa utilización axeitada e sustentábel”, recrimina.

Prado recorda que esta actuación fora presentada no seu día como unha intervención de restauración e musealización, cando na realidade “correspondían a obras de urbanización”, e conclúe subliñando que o proxecto nos seus actuais termos “pon en grave risco o castro e fai temer a irreversibilidade dos danos causados se non se actúa de inmediato”.

 

O BNG esixe á Xunta a paralización das obras do castro de Toiriz e a reformulación do proxecto con criterios respectuosos