BNG esixe á Xunta medidas reais e orzamento para a atención sanitaria da endometriose, doenza que afecta a 60.000 galegas

Montse Prado e Asociación QuerENDO
Montse Prado e Asociación QuerENDO
Montse Prado denuncia o incumprimento por parte do Goberno galego dos acordos parlamentarios para ofrecer solucións ás mulleres afectadas   
BNG esixe á Xunta medidas reais e orzamento para a atención sanitaria da endometriose, doenza que afecta a 60.000 galegas

BNG esixiu á Xunta a aplicación de medidas reais e a dotación do orzamento necesario para o tratamento sanitario da endometriose, unha doenza que afecta, como mínimo, a 60.000 mulleres en Galiza.

Así, o manifestou a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, logo do encontro que mantivo coa presidenta e a tamén integrante da directiva da asociación QuerENDO Mulleres con Endometriose, Cristina Fernández e Brígida Hermida, respectivamente, e no que abordaron os déficits da atención sanitaria en Galiza ás mulleres e, nomeadamente, ás afectadas por esta enfermidade.

Tanto Prado como Fernández recordaron que, xusto hoxe, se cumpren sete anos do acordo parlamentario adoptado por unanimidade para que o Goberno galego desenvolva unha serie de medidas concretas para o tratamento da endometriose sen que, ata o de agora, a Xunta realizase avances substanciais neste ámbito de actuación.

“Temos que lamentar os mornos pasos dados polo Sergas a pesares dese acordo unánime e o acadado posteriormente na mesma liña en marzo de 2021”, denunciou a deputada nacionalista, quen incidiu en que o Executivo do PP non ten feito “ningún esforzo por priorizar medidas para facer fronte a unha doenza que afecta a entre o 10 e o 20% das mulleres en idade fértil, polo tanto, como mínimo a 60.000 galegas, 9.000 delas nos estadíos máis graves”.

Logo de advertir dos nesgos de xénero vixentes na atención sanitaria e na desigualdade de xénero que impera nos ámbitos da investigación, a formación, o diagnóstico e o tratamento, Prado denunciou a inacción da Xunta pese ao importante número de mulleres afectadas no País por esta doenza.

“Como é posible que non se investigue, que non haxa tratamentos específicos, que haxa que agardar por un diagnóstico de 8 a 10 anos de media ou que ás mulleres se lles siga dicindo que teñen que normalizar a dor?”, cuestionou, para reclamar a continuación á Xunta que “pase das boas palabras ao compromiso real”, con medidas e orzamento, e que “tome a serio as necesidades e os problemas específicos de saúde que temos as mulleres, que teñen as mulleres que padecen endometriose”.

Para a portavoz parlamentaria de Sanidade do BNG, “o problema non é económico, senón de posición política” e, nesta liña, indicou que resulta máis económico, por exemplo, ter unidades específicas e multidisciplinares que non telas, xa que reduciría o gasto farmacéutico, as baixas laborais, os ingresos hospitalarios e as asistencias aos servizos de urxencias.

“Demandamos do Sergas que poña en marcha medidas, medidas que empecen pola investigación; medidas para evitar o deterioro da calidade de vida, de anos de dor invalidante; medidas para atender os problemas de infertilidade; medidas para que os tratamentos non supoñan unha carga económica para as mulleres; medidas para formar e informar a profesionais e cidadanía”, explicou.

Nesta liña subliñou que, en pleno século XXI, “non podemos aceptar como normal que miles de galega sufran dores durante anos e permitir que pasen por este calvario”, polo que concluíu incidindo na urxencia de que a Xunta “tome medidas porque as mulleres estamos fartas de agardar, de que as solucións aos nosos problemas vaian a cámara lenta, fartas de que se minimicen ou se invisibilicen”.     

“Estamos desamparadas, con mulleres que perden o emprego”, advirte Fernández

Neste mesmo sentido se pronunciou a presidenta de QuerENDO Mulleres con Endometriose, quen logo de repasar unha a unha as medidas aprobadas no acordo parlamentario de 2015 e que, segundo explicou, seguen sen cumprirse, afirmou que “agora mesmo as mulleres con endometriose estamos totalmente desamparadas, invisibilizadas e cunha sensación de abandono incrible, porque nin se nos escoita nin se nos ten en conta, nin se fai absolutamente nada para paliar a nosa doenza”.

Fernández advertiu que, aos problemas implícitos tanto a nivel físico como psicolóxico que supón a enfermidade en si mesma, hai que sumarlle as repercusións que implica en termos sociais e laborais e, neste sentido, advertiu que na asociación QuerENDO hai “moitas mulleres que perden o traballo por endometriose”. “A maioría de mulleres que teñen contratos temporais non se lles renova; é unha doenza que afecta a todos os niveis e que nos vai metendo pouco a pouco na casa sen saber que facer porque non temos a onde acudir”, concluíu. 
 

BNG esixe á Xunta medidas reais e orzamento para a atención sanitaria da endometriose, doenza que afecta a 60.000 galegas