O BNG esixe á Xunta medidas para actualizar a representación das organizacións agrarias no medio rural

Xosé Luís Rivas "Mini"
Xosé Luís Rivas "Mini"

Mini Rivas salienta que hai organizacións agrarias implantadas no sector que non teñen ningún recoñecemento da Xunta e quedan excluídas das axudas

O portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, esixiu á Xunta poñer  en marcha as medidas necesarias para actualizar a representación das organizacións agrarias no medio rural, tendo en conta que non se teñen convocado eleccións no campo galego desde o ano  2002.

Este desfase, dixo,  ten como consecuencia que organizacións profesionais que levan anos traballando e con implantación no sector sexan ignoradas pola Xunta nas súas convocatorias de axudas, pois toma como referencia os resultados dos comicios de fai tres lustros.

“A foto fixa que mostran as eleccións de fai quince anos está superada, non responde á realidade, polo que a Xunta debe canto antes facer os cambios necesarios e aplicar as medidas oportunas para volver darlle voz ao sector agro-ganderio do país, e permitir unha actualización desa representación axustada á realidade actual”, argumentou.

“O sector non está morto, así que non hai xustificación para que se leven tres quinquenios sen pedir a súa opinión nas urnas”, subliñou.

O deputado criticou a posición da consellería de non querer que se convoquen  as eleccións porque na súa opinión, o Partido popular quere minimizar a representación democrática das organizacións agrarias pero, a pesar diso, estas organizacións teñen unha función que deben cumprir que non é outra máis que  “defender os intereses do sector agro-gandeiro”.

Xosé Luís Rivas insistiu na necesidade de convocar  eleccións, xa que “van quince anos” e esta situación é, ao seu entender “unha verdadeira anomalía”. Pola saúde do sector agro-gandeiro e pola saúde da democracia, recalcou o nacionalista , o sector debe contar cos seus lexítimos representantes. Ademais, a falta de eleccións impide que as organizacións poidan sentarse nas mesas de diálogo e  acceder ás axudas para desenvolver a súa actividade polo que reclamou resolver esta cuestión de maneira urxente. Dende o BNG, dixo,   propoñemos  arbitrar algún sistema por medio dos Consellos reguladores ou outros organismos,  e un tempo de 6 meses,  para que algunhas organizacións agrarias non sexan discriminadas á hora de acceder ás subvencións.

A proposta do BNG foi rexeitada polos grupos parlamentarios do Partido popular e o PSdG-PSOE.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG