PARLAMENTO EUROPEO

O BNG esixe que a UE dea unha resposta global á crise humanitaria das persoas refuxiadas que garanta o respecto aos dereitos humanos

Ana Miranda misión Open Arms
Ana Miranda misión Open Arms
Ana Miranda defende a fin da violencia contra as persoas que chegan en busca de asilo, cualificándoa de “inaceptable”
O BNG esixe que a UE dea unha resposta global á crise humanitaria das persoas refuxiadas que garanta o respecto aos dereitos humanos

Diante da preocupante situación que se está vivindo nas fronteiras europeas, especialmente nas gregas, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, insta á Unión Europea a ofrecer unha resposta global á crise humanitaria dos centros de persoas refuxiadas que tentan cruzar esas fronteiras en busca de asilo, así como a fin inmediata da violencia.

Se ben Miranda considera inaceptable esa violencia exercida tanto contra as persoas migrantes como contra a poboación local, defende que Grecia non pode facerse cargo por si soa das persoas que chegan as súas costas. Considera que Grecia debe cumprir as leis internacionais no que respecta a súa obriga de proporcionar acceso legal ao seu territorio e os procedementos de asilo.

“Non só o Código de Fronteiras de Schengen e a lexislación vixente prevén esta obriga senón o propio Tribunal Europeo de Dereitos Humanos considera que os problemas que os Estados poden ter na xestión dos fluxos migratorios ou na recepción de solicitantes de asilo non xustifica o recurso a prácticas que non son compatibles coa Convención”, apunta, ao tempo que sinala que a decisión do goberno grego de suspender todo o acceso aos procedementos de asilo durante un mes e de devolver ás persoas de inmediato, infrinxe o dereito nacional, europeo e internacional.

Mais a portavoz do BNG en Europa salienta que este non é un problema que afecte unicamente a un país, senón que atinxe a toda a Unión Europea, e como tal debe ser afrontado. “Trátase dunha responsabilidade europea e Europa debe ofrecer unha resposta global que por suposto evite a violación dos dereitos humanos”, subliña. Ao respecto considera que esa resposta da UE debe incluír a premisa de que Turquía deixe de utilizar as persoas que foxen da guerra como moeda de cambio e como ferramenta de presión sobre Grecia.

Medidas imprescindibles

Entre as medidas que o BNG considera imprescindibles poñer en marcha figura a evacuación das persoas solicitantes de protección internacional das illas gregas e as fronteiras terrestres con Turquía, a súa transferencia inmediata aos Estados Membros da UE, e a creación de vías seguras e legais á Unión Europea. “Debe estabelecerse unha auténtica solidariedade europea”, apunta Ana Miranda.

“Onde queda a aprobación en decembro de 2018 a aprobación do visado humanitario por parte do Parlamento Europeo?”, pregúntase a portavoz do Bloque en Europa, quen lembra que este visado permitiría ás persoas solicitantes de asilo solicitar visados en embaixadas e consulados fóra da UE, a través dos que poderían viaxar legalmente a un país comunitario e xa nel solicitar asilo.

Ao longo da súa traxectoria Ana Miranda ten participado en diversas misións humanitarias, desde visitas aos campos de refuxiados na illa de Lesbos e o ubicado no paso de Calais, así como a misión de rescate no Mediterráneo da ONG Proactiva Open Arms, en xuño de 2018.