BNG esixe a TVG que emita as próximas galas dos Premios María Casares de teatro na primeira canle e en prime time

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández
Alexandra Fernández critica ao ente que se desfixera do evento e emprázao a recuperar a súa emisión neste ano conmemorativo do nacemento da actriz

O BNG reclamou no Parlamento galego que a CRTVG emita as vindeiras galas dos Premios María Casares de teatro na súa primeira canle televisiva e en horario de máximo audiencia, despois de que a dirección da compañía desenvolvese un proceso paulatino para “deixar caer a gala e desfacerse definitivamente dela”, segundo denunciou a deputada nacionalista Alexandra Fernández na comisión permanente non lexislativa de control do ente público.

Fernández reprobou ao director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, que a canle pública acabara por non emitir a gala duns premios só comparables a nivel estatal cos MAX, pese ao seu claro papel de difusora da cultura galega. Primeiro, “cunha política de invisibilización e desprezo”, relegando a súa emisión a TVG 2 e obrigando a Asociación de Actores e Actrices de Galiza (AAAG), promotora do evento, a costear a iluminación para a emisión televisiva, algo que considerou moi grave dado que se trata dun custe relacionado coa propia gravación, ademais de quedar cos dereitos de retransmisión e impedir así que a propia AAAG puidese difundir a gala.

“E despois -afondou- entrando nunha segunda fase para desfacerse da gala definitivamente” xa que, segundo explicou, a compañía nin sequera atendeu a solicitude de reunión da AAAG para solicitarlle que a gala fose retransmitida pola primeira canle e nun horario de máxima audiencia e que asumira os custes que correspondían coa emisión en televisión.

“Non só non boicotearon a emisión, senón que non teñen nin vontade de diálogo; impoñen unhas condicións draconianas, ou as toman ou as deixan, e a única resposta que facilitaron foi enviarlles un novo convenio igual que o anterior”, censurou, para a continuación explicar que os promotores acabaron por non asumir os custes de emisión para que a gala fose retransmitida, por riba, en canle e horario sen audiencia, e decidiron emitila en streaming por YouTube nun horario razoable, ás 21h.  

Logo de subliñar que o único que queren promotores e sector do teatro é que a CRTVG lle dea á gala o espazo que merece, a deputada nacionalista acusou á dirección da compañía de atacar ao sector do teatro impedindo a súa difusión e reprobou que siga instalada na mesma posición.

“Xa basta -reprendeu-, dende o BNG esixímoslle que se senten, que acorden cos promotores unha retransmisión da gala xusta e en condicións, bguscando pór en valor os premios e o teatro galego; sen letra pequena, sen artimañas de horarios indecentes, de obrigarlles a asumir custes que non corresponden; unha gala pensada para pór en valor o teatro, con programación paralela que axude a potenciar o evento”.

Neste sentido, a deputada nacionalista apuntou que neste 2022, ano de conmemoración do centenario da actriz María Casares, a Xunta vén de anunciar unha programación conmemorativa específica, mais, segundo advertiu, “semella que os premios que levan o seu nome e, por extensión, o teatro galego, seguirán expulsados da televisión pública”. “Vostedes este ano teñen unha oportunidade e un deber aínda maior de facer isto”, concluíu. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG