BNG esixe no Parlamento unha reforma integral do IES Concepción Arenal de Ferrol debido ao deterioro das súas instalacións

Mon Fernández
Mon Fernández
Fernández detallou os danos que sufriu o centro nos seus 70 anos de vida no edificio actual, con “humidades e desprendemento de zócalos” e a falta de usabilidade de instalacións como as dedicadas á educación física e ao lecer do alumnado

O BNG demandou na Cámara a reforma integral do IES Concepción Arenal, en Ferrol, que presenta graves desperfectos tras 70 anos de uso do seu edificio actual, inaugurado a mediados dos anos 50 do século pasado.

O deputado ferrolán, Ramón Fernández, argumentou que “hai 875 alumnos e alumnas e 95 docentes que son conscientes do deterioro dunhas instalacións de 70 anos” polo que, dirixíndose ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, demandoulle “unha renovación profunda das instalacións, unha demanda do consello escolar, que se quere reunir coa súa consellería para trasladar esta demanda”.

O centro, recriminou Fernández, presenta desgaste das instalacións, humidades, e “zócalos que están a desprenderse literalmente”, con partes do edificio como a casa do director, a cuberta e as fachadas danadas polas filtracións de auga. Neste sentido, elementos como as portas do centro docente non foron cambiadas dende hai 70 anos, o que dificulta o seu uso. As características actuais do edificio, detallou, tamén desencadean problemas en relación co illamento acústico, o que dificulta a labor docente e a aprendizaxe do alumnado. De feito, detallou, a propia prensa “publicou fotografías de rapaces e rapazas facendo educación física nos corredores do centro. O que provocou sorpresa, indignación e vergoña allea, na cidade, a partes iguais”.

Outro dos aspectos dos que se debe ocupar esta reforma integral, defendeu o deputado ferrolán, é a mellora das instalacións para desenvolver as aulas de educación física, na actualidade “pequenas e insuficientes” xa que o centro dispón só dun pequeno ximnasio, o que fai imprescindible cubrir unha das pistas deportivas que o centro ten no exterior para ter un espazo protexido da choiva dedicado ás aulas de educación física para o ao lecer do alumnado nos recreos en caso de mal tempo. Preocupacións todas trasladadas á consellería de Educación a través dun informe do cal “non tiveron resposta, nin a unha cousa nin á outra. Parece que a Educación non é o forte da súa consellería”, recriminou ao titular da mesma, Román Rodríguez.

“Non é difícil nin debera resultar insólito ou ofensivo que a representación dunha comunidade escolar se reúne cos representantes do goberno para trasladar demandas e contrastar opinións, a non ser que o goberno non os queira escoitar” criticou o parlamentario do Bloque fronte a falta de respostas do Goberno do PP ás demandas da comunidade educativa deste “centro emblemático para a cidade de Ferrol que debera estar entre as súas prioridades de goberno”. Ademais, emprazou a Román Rodríguez a reunirse coa dirección do centro e coa representación do consello escolar, “e comprométase a comezar esa renovación das instalacións do instituto Concepción Arenal este mesmo ano, incluída a dotación de máis espazo para a educación física”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG