O BNG esixe no Parlamento unha CRTVG libre da manipulación do PP e ao servizo de Galiza

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Rodil pide o cese de Sánchez Izquierdo, que leva sete anos no cargo incumprindo a lei, e acabar cos nomeamentos a dedo no ente público

Destaca a valentía e dignidade dos e das traballadoras que denuncian o secuestro informativo da radio e da televisión públicas por parte do PP

O BNG reclamou no Parlamento o cese do presidente da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, como primeiro paso para acabar coa secuestro e a manipulación duns medios públicos postos ao servizo do PP e que, na práctica, operan como gabinete de propaganda do Goberno de Feixóo.

Así o denuncian os propios traballadores e traballadoras que levan 16 semanas vestindo de negro en defensa dos medios públicos e que o pasado sábado protagonizaron unha manifestación sen precedentes en Compostela “na defensa dun dereito fundamental como é o acceso a unha información veraz, plural, imparcial e de proximidade nos medios públicos”, como salientou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, encargada de defender a iniciativa do Bloque solicitando a reprobación de Sánchez Izquierdo.

“Unha reprobación que é unha petición de dimisión ou cese inmediato de quen é o máximo responsábel da situación dos medios públicos, convertidos en correa de transmisión do gabinete de prensa do PP para gloria do seu presidente”, alegou Rodil, quen tamén lembrou que o máximo responsable da corporación foi nomeado a dedo por Feixóo e ocupa o seu cargo dese hai sete anos “incumprindo de xeito sistemático e intencionado a lei en vigor”.

O BNG tamén reclama que se aprobe o estatuto profesional e a creación do consello de informativos.

Rodil puxo en valor as denuncias das e dos profesionais, que exixen desde hai meses a fin da manipulación informativa, das inxerencias e do control político na CRTVG. “Os medios públicos non son ferramentas para satisfacer a egolatría do presidente da Xunta, é un servizo público que financian as galegas e os galegos, non son o gabinete de propaganda do PP e deben representar o pluralismo ideolóxico, político, cultural e social de Galiza”, indicou

A viceportavoz parlamentaria salientou a valentía e a dignidade de dous profesionais  que dimitiron para denunciar o secuestro dos medios públicos, e aos que a dirección da RTVG respondeu abrindo expediente.

O Bloque, recalcou, “quere que o país recupere os seus medios públicos, que cese o control político e a manipulación informativa na CRTVG, que se escoiten e atendan as demandas dos profesionais para que a radio e a televisión públicas sirvan a quen están obrigados: As galegas e os galegos”.  A dimisión, vetada polo PP, era o primeiro paso na proposta do BNG para acabar cos nomeamentos a dedo e optar por un concurso público para elixir á dirección dos medios públicos, en base a criterios de profesionalidade e independencia de calquera poder político.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG