O BNG esixe medidas urxentes contra a precariedade laboral da mocidade galega

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado lembrou que o emprego entre os menores de 35 anos desapareceu  de maneira alarmante na última década ao tempo que se producía un importante descenso do salario medio anual
A deputada do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre  medidas urxentes contra a precariedade laboral da mocidade galega.

A parlamentaria asegurou que os datos relativos á situación laboral das persoas mozas deixa “unha imaxe devastadora” cunha perda de emprego  alarmante entre os menores de 35 anos. Entre os 18 e 35 anos, explicou Prado, o emprego asalariado descendeu un 30%, 142.000 persoas   e entre os traballadores/as con idades comprendidas entre os 18 e 25 anos os seus salarios descenderon un 21,4%, 1.783 euros/ano menos.

No caso dos traballadores e traballadoras de entre 26 e 35 anos o descenso do salario medio anual foi do 7,3%, 1.112 euros/ano menos e até  os 25 anos “os asalariados/as galegos acadaron uns ingresos inferiores ó SMI”. Por outra parte, 302.233 persoas traballadoras menores de 36 anos non acadan o salario medio anual galego.

Ante esta situación preguntou que  iniciativas ten tomado o Goberno galego para impedir a precariedade laboral da mocidade galega e como valora as actuacións das ETTs.

Prado tamén asegurou que  o aumento do desemprego aumentou cinco veces máis que no resto do estado e con contratos de “moi mala calidade. A recuperación económica, recalcou, “non chega á poboación” que tivo ademais que asumir de maneira moi negativa as diferentes reformas laborais.

A mocidade, reiterou a nacionalista, é o segmento máis prexudicado cunha caída do emprego dun  7,67% nos últimos anos e a perda de poboación activa en Galiza continúa pola mesma deriva e cebándose na mocidade.

Tras a resposta da secretaria xeral de Emprego, a  deputada do BNG criticou a xestión do Partido popular durante os últimos dez anos na creación de emprego e reiterou que unha mocidade “sen traballo estable e digno” non pode garantir o futuro de Galiza
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG