A deputada do BNG por Lugo, Olalla Rodil volveu a pedir hoxe na comisión de Xustiza e Interior dotar de máis recursos e medios humanos os xulgados de violencia de xénero.
A parlamentaria cualificou de “inadmisible” a situación no xulgado de violencia machista da Coruña onde quedou sen cubrir a praza de xuíz/a durante todo o período vacacional da persoa titular. Desde o BNG cremos, dixo, que o acontecido este verán no xulgado da Coruña supón “unha desprotección enorme para as mulleres e as súas crianzas” que non contaron con profesionais formados especificamente na materia.
A situación xerada no xulgado da Coruña foi denunciada polo BNG e outras organizacións políticas polos prexuízos causados ás mulleres en situación de violencia machista que deciden tomar unha das decisións máis complexas e de maior risco como é denunciar. O Colexio de Avogados da Coruña a través do seu decano advertiu tamén da indefensión que pode supor esta circunstancia para as mulleres.
“Nos períodos vacacionais, principalmente o verán, aumentan os casos de violencia machista polo que vemos aínda máis grave que non se substitúa a xuíza ou o xuíz en agosto”, porque o machismo non colle vacacións, moi ao contrario actívase aínda máis coincidindo con períodos de maior convivencia, recalcou a nacionalista.
Neste sentido preguntou polas actuación do goberno para evitar que o Xulgado de violencia machista da Coruña quedase sen xuíz durante un mes e que xestións realizou diante dun Goberno español que argumentaba non ter fondos para contratar a persoas substituta.
A situación xerada no Xulgado de violencia da Coruña supuxo adiar 8 xuízos, 5 vistas e 16 reclamacións polo que a deputada do BNG preguntou que medidas se porán en marcha para que o acontecido non se volva a repetir.
Pola súa parte, o director Xeral de Xustiza, Martín Álvarez asegurou que a Xunta non ten competencias no referido a “xuíces, fiscais e letrados” polo é competencia do Estado cubrir as vacacións destes profesionais ao que a parlamentaria do BNG replicou que precisamente nesa “dependencia política do centralismo” radica o principal problema e aínda que a Xunta detectase “unha carencia” como a suscitada no xulgado de violencia da Coruña “carece de competencias para resolvelo”