O BNG esixe a intervención de Alcoa por parte da SEPI para garantir a actividade e o emprego

Concentración Alcoa
Concentración Alcoa

Jorquera alega que se foi posible rescatar a banca tamén se pode nacionalizar á factoría ante “ás prácticas mafiosas da multinacional”

O Bloque demanda a implicación da Xunta para facer viable esa proposta

O BNG esixe a intervención de Alcoa por parte da SEPI para garantir a actividade e o emprego

O BNG participou na concentración dos e das traballadoras de ALCOA ante a sede da Xunta en Santiago para reclamar a continuidade da actividade e do emprego da factoría da Coruña e comparte co cadro de persoal que, a estas alturas, a solución pasa pola intervención da factoría para, desde o sector público, buscar unha solución de futuro.

“A solución para garantir a actividade e o emprego na planta de ALCOA é a intervención”, recalcou o candidato á Alcaldía da cidade herculina, Francisco Jorquera quen, xunto coa portavoz municipal, Avia Veira, e o deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, acudiron á concentración.

Jorquera lembrou que a planta xa foi de titularidade pública como Inespal antes de ser vendida a ALCOA “nunha operación prexudicial para o Estado porque a venda estivo acompañada dunha serie de garantías para a empresa que implicou que se perdese diñeiro na operación”. Agora, a intención da multinacional e pechar a factoría sen permitir a súa venda porque o único que lle interesa e quedarse coa cota de mercado.

“ALCOA non inverteu na planta da Coruña e agora que ten a cota de mercado quere pechar e ademais non quere que se venda a planta da Coruña, simplemente quere cerrar, deixar aos traballadores na rúa e quedarse coa cota de mercado”, argumentou Jorquera.

Por iso, “e fronte a prácticas mafiosas deste estilo o Estado ten mecanismos para resolver a situación e un deses mecanismo sería que a SEPI se faga cargo da planta, é dicir, que se interveña a planta, e que sexa a SEPI a ferramenta pública que busque comprador”, explicou o candidato nacionalista, quen refuta o argumento de que a nacionalización non é posible.

“O que non é de recibo é que se nos diga que esa é unha política de nacionalización que non ten cabida no Estado español cando asistimos sempre a nacionalizacións inversas. A banca privada que da perdidas, nacionalizase con diñeiro público para saneala e logo regalala ao sector privado. Se ese tipo de nacionalización vale, con máis sentido tería que valer a nacionalización dunha factoría que da traballo a centos de persoas na Coruña e que é peza clave no tecido industrial da comarca”, destacou Jorquera. “Polo tanto o BNG apoia esa demanda de intervención dos traballadores e esiximos á Xunta de Galiza que tamén se implique en facer viable esa solución”, concluíu.

Pola súa parte o deputado Xosé Luís Rivas, trasladou a solidariedade do BNG co cadro de persoal concentrado ante a sede da Xunta “coa súa loita que é a loita deste país”.