Parlamento Galego

O BNG esixe o cumprimento das ratios de alumnado e as distancias para a prevención da covid no ensino

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo
O deputado Manuel Lourenzo reclama medidas e protocolos consensuados coa comunidade educativa

O deputado Manuel Lourenzo Sobral formulou unha interpelación no Pleno para que a Xunta garanta “medidas e protocolos claros e consensuados” coa comunidade educativa, tanto para as aulas presenciais como para implementar os recursos necesarios para o ensino a distancia desde a casa. Deste xeito, preguntou que medidas se tomaron dende a Xunta de Galiza para garantir a prevención nas aulas e se considera que as ratios e distancias de seguridade nas aulas garanten a saúde de estudantes e profesores.

O inicio do curso escolar 2020-2021 preséntase como un momento de máxima esixencia e responsabilidade para a sociedade galega. Unha situación que require de medidas e protocolos claros e consensuados coa comunidade educativa para garantir unha volta ás aulas presencial e segura, explicou.

“Mais a pesar da gravidade da situación, o Goberno galego, que tivo 5 meses para preparar o inicio do curso, ausentouse de todas as súas responsabilidades perdendo un tempo valioso para xestionar con eficacia e previsión un inicio de curso no que estea garantida a seguridade do noso alumnado”, sinalou o deputado.

Para o BNG non é de recibo que ante unha pandemia como a da covid-19 teña que ser a propia comunidade educativa a que estea a denunciar a falta de consenso nas medidas e o abandono por parte da Xunta de Galiza.

“A ausencia de iniciativas por parte do Goberno galego para afrontar unha realidade como a que se deriva da pandemia da covid-19 e o seu impacto no ensino sitúanos nunha situación de incerteza e improvisación que non é asumíbel e por iso, dende BNG, esiximos que o Goberno exerza as súas competencias e estea altura da gravidade da situación que estamos a padecer”, destacou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG