BNG esixe ao Goberno do PP que cumpra a LOMLOE e deixe de financiar centros educativos que segreguen por sexo

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo
Manuel Lourenzo defendeu un modelo educativo democrático onde “os centros clasistas, segregadores e elitistas” non reciban “ata case 2 millóns de euros anuais da Consellería de Educación”

BNG defendeu no Parlamento un modelo educativo que respete a diversidade e a igualdade, polo que esixiu á Consellería de Educación que non renove os convenios cos centros de ensino privado que segreguen por razóns de sexo, cumprindo así cos obxectivos de coeducación marcados pola LOMLOE.

“Pode calquera familia galega á que a Xunta lle di que non hai diñeiro para becas soportar que se gasten case dous millóns de euros de diñeiro público en centros clasistas e elitistas que separan nenas de nenos?” preguntou o portavoz de Educación, Manuel Lourenzo, que tamén criticou o modelo educativo do PP para Galiza onde “pretenden que se perpetúen os roles de xénero mentres recortan a educación pública”. Lourenzo sinalou a “hipocrisía” dos Populares, que din cumprir coa legalidade “só cando a legalidade lle convén, xa que só lle vale para encher os petos do Opus Dei”. De feito, denunciou que a Consellería de Educación evita entrar no debate “agochándose detrás de argumentos técnicos”.

En alusión ao comportamento do PP respecto da lexislación educativa, o deputado do BNG expuxo que foi o Goberno Fraga en funcións, no 2005 “o que renovou estes concertos cos centros do Opus Dei só dúas semanas antes de saír de San Caetano”. Neste sentido, lembroulle á Consellería de Educación que foi logo o Goberno Feijóo, no 2009, “o os volveu anovar cunha sentenza do Supremo que di que foi algo ilegal”.

O parlamentario nacionalista remarcou a importancia de promover un modelo de ensino “que garanta a igualdade, xa que estamos a falar de que futuro queremos, de que modelo de sociedade queremos promover nas aulas, un discriminador o outro democrático”. Así mesmo, demandou saber porque “como sociedade non toleramos a segregación por raza ou orientación sexual pero o Goberno do PP tolera a segregación por sexo e a financia con ata case dous millóns de euros anuais”.

Lourenzo defendeu un modelo de liberdade educativa onde “non poidan prohibir a ningunha nena matricularse nun centro onde só permitan a entrada a nenos” e onde “as familias traballadoras non estean obrigadas a pagar o ensino machista e segregador das elites”. Na súa conclusión, esixiu de novo á Xunta “que cumpra a lei” no relativo á coeducación, proposta que atopou a negativa e a negativa do PP.

 

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG