O BNG esixe ao conselleiro de industria que reaccione e busque unha saída para ISOWAT

ISOWAT
ISOWAT

Noa Presas critica que a empresa, tras  beneficiarse de axudas públicas fora “saqueada” polos seus propietarios deixando sen saída aos traballadores e traballadoras

O BNG esixe ao conselleiro de industria que reaccione e busque unha saída para ISOWAT

A deputada do BNG, Noa Presas formulou unha pregunta parlamentaria ao goberno sobre as accións emprendidas para impedir a desaparición da empresa ISOWAT na Coruña.

 Tras saudar  na  tribuna de convidados á  delegación de traballadores de Isowat, lembrou que son precisamente os traballadores  os que están a realizar   un importante esforzo  para atopar unha saída ao ERTE no que están inmersos despois de pasar “meses sen cobrar”.

A parlamentaria pediu ao concelleiro de Industria, Francisco Conde, un compromiso cos traballadores así como todas as accións necesarias para buscar unha solución. Hoxe, dixo, Presas “ten vostede a oportunidade de enviarlles unha mensaxe de esperanza”.

Na súa intervención, a nacionalista explicou que a empresa, dependente do grupo Ivertaresa, entrou hai meses en concurso de acredores polas prácticas de “saqueo” dos seus propietarios, “non pola inviabilidade da empresa” .Isowat,  opera con dúas marcas: Made, con fábrica en Medina del Campo e Isowat, no Polígono da Grela da Coruña, sendo esta segunda, dixo, a “máis valiosa polo seu alto valor engadido”.

A empresa de Medida del Campo xa atopou  inversor   e á da Coruña quédalle só o mes de maio para salvarse, a pesar de ser “viable economicamente” e unha  empresa punteira especializada  nas solucións integradas en media e baixa tensión con clientes como: Navantia, Endesa, Narturgy, ou Repsol e con posibilidades de expansión con produtos orientados ao sector eólico. A empresa, engadiu, conta con emprego cualificado e de calidade.

Pola súa parte, o conselleiro de Industria respondeu que a Xunta está a traballar na procura dunha solución para a empresa ao que a nacionalista replicou que tanto o IGAPE como a Xunta  concederon axudas públicas para a merca de Isowat por Invertaresa e agora non poden desentenderse e deixar ao pairo aos traballadores e traballadoras. “A Xunta ten a obriga de buscar un comprador que asegure o futuro da fábrica e os postos de traballo” polo que pediu novamente ao titular de Industria “un maior esforzo” e  utilizar todos os mecanismos necesarios para buscar unha solución.