O BNG, ERC e Amaiur presentan a iniciativa da autodeterminación dos pobos que defenderán no Congreso

Reclaman o respecto ao exercicio do dereito de libre determinación das nacións que conforman o Estado español: Euskal Herria, Països Cataláns e Galiza

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego, Esquerra Republicana de Catalunya e Amaiur presentan este mércores unha Proposición Non de Lei que se debaterá no Pleno do Congreso co obxectivo de permitir o dereito de autodeterminación dos pobos.

Con esta iniciativa, reclámase o respecto ao exercicio do dereito de libre determinación das nacións que conforman o Estado español: Euskal Herria (cos catro territorios forais), Països Cataláns e Galiza, así como todas as que o definan no seu Estatuto de Autonomía ou que así o aprobe o seu Parlamento en base aos seus dereitos históricos, ao seu sentimento nacional ou á súa vontade democrática.

Preténdese tamén recoñecer, de acordo co dereito internacional, que as nacións teñen o dereito de dispor libremente das súas riquezas e recursos naturais. Neste sentido, avógase porque sexan os Parlamentos das nacións do Estado español, como representantes lexítimos da soberanía popular, quen poderán decidir e exercer libremente sobre estes dereitos, recolle o texto.

Eixes da convocatoria de referendo

Ademais, na Proposición Non de Lei asinada polas tres formacións nacionalistas, demándase que o Congreso inste ao Goberno do Estado a respectar a convocatoria do exercicio de referendo de autodeterminación nacional sobre a constitución dun Estado independente a instancia dos Gobernos autónomos, do Parlamento ou do 20% do censo electoral das últimas eleccións municipais, mediante o mesmo proceso estabelecido para a iniciativa lexislativa popular no seu territorio.

No acto, que será este mércores ás 11:00 no Hotel Compostela, intervirán o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence; o portavoz de ERC no Congreso, Alfred Boch i Pascual; o deputado de Amaiur no Congreso Jon Iñárritu García; e a deputada do BNG no Congreso Rosana Pérez.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG