O BNG encara o adianto electoral cos deberes feitos e disposto a liderar o cambio real que Galiza necesita

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil: “aspiramos a facer historia e que por primeira este país estea presidido por unha muller e por unha nacionalista da man de Ana Pontón”
O BNG encara o adianto electoral cos deberes feitos e disposto a liderar o cambio real que Galiza necesita

O adianto electoral colle ao BNG cos deberes feitos para ir a por todas co obxectivo de liderar o cambio real dando carpetazo á “desfeita” de dez anos de goberno de Feixóo. Nunha primeira valoración de urxencia, a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, destacou que o BNG está preparado porque xa tivo en conta a posibilidade dunhas eleccións anticipadas.

“Como dixemos ao longo destes días, canto antes mellor, porque sen dúbida o cinco de abril os galegos e as galegas van poñer fin a década de desfeita dun Feixóo que deixa unha Galiza peor da que atopou, convencidos no Bloque de que van aproveitar as urnas para abrir un tempo novo que o BNG aspira a liderar, porque temos un proxecto sólido a favor do país e un liderado claro coa candidata de Ana Pontón”, proclamou Rodil.

A formación nacionalista está preparada para “ir a por todas porque o cinco de abril queremos facer historia e conseguir que Galiza teña por primeira vez unha muller e unha nacionalista na Presidencia da Xunta da man de Ana Pontón”, recalcou.

O BNG tamén salientou que, unha vez máis, “é Urkullu quen volve convocar as eleccións en Galiza, quen volve marcarlle o paso a Feixóo, de novo a rebufo do que lle marcan desde fora, pese a que onte mesmo dicía que a convocatoria das eleccións galegas se ía decidir en Galiza. É evidente que a súa palabra non vale nada”, criticou Rodil.

En todo caso, o Bloque “ten os deberes feitos”, -reiterou-, e ve as eleccións como unha oportunidade de pechar o “década negra”  do Goberno Feixóo, -esgotado e fracasado-, e abrir un tempo novo “que aspiramos a liderar porque temos un proxecto capaz de mellorar a vida das persoas e temos a Ana Pontón encabezando ese proxecto como líder máis valorada”.