O BNG, elixido membro da Executiva da Alianza Libre Europea

Executiva ALE
Executiva ALE
Ana Miranda: “Temos que defender a Europa dos Pobos na que Galiza conte desde todos os eidos”

Na asemblea da Alianza Libre Europea (ALE) que se celebra nas Palmas, -na que participan a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda; o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela; e David Mochales, en representación de Galiza Nova-, o Bloque vén de resultar elixido membro da Executiva da Alianza Libre Europea, xunto a outros partidos do Estado como Esquerra Republicana, Mes Compromis, Eusko Alkartasuna e Nueva Canarias. Desta forma, o BNG volta á Executiva do partido político europeo do que forma parte e contará cunha das vicepresidencias.

“Queremos lanzar un proxecto de actualización acorde a Europa actual, que atravesa tantos problemas económicos e sociais debido á situación de pandemia e a subida dos combustibles”, subliña Ana Miranda ao respecto, quen explica que o Bureau da ALE está integrado por 15 representantes dos partidos de diferentes nacións, Galiza, Catalunya, Corsica, Frisia, Gales, Flandes, Euskadi, Occitania, Pais valenciano, Canarias, minorías danesas en Alemaña, ou minorías de Italia, entre outras.

A portavoz do Bloque en Europa destaca que a volta do BNG á dirección política da ALE supón un paso máis “na defensa dunha Europa dos Pobos na que Galiza conte desde todos os eidos”. Sinala que na Asemblea foron debatidas diversas mocións presentadas polo BNG, como a situación dos refuxiados en Europa, a seguranza marítima e a situación do Sáhara Occidental. Por outro lado, ademais de participar nas sesións do plenario, Miranda mantivo diversos encontros bilaterais, entre os que destacan con Nueva Canarias, así como Unión del Pueblo Canario (UPC), -que concorreu ás eleccións europeas no marco da coalición Agora Repúblicas.

Partido europeo desde 2004

A Alianza Libre Europea, creada en 1981 por 8 partidos e constituída como partido político europeo en 2004, ten entre os seus principais obxectivos facer da idea dunha “Europa dos Pobos” unha realidade política e cultural a nivel europeo e internacional, mediante a promoción do dereito á libre determinación dos pobos, os dereitos humanos, civís e políticos, así como a diversidade cultural e lingüística. Na actualidade, a ALE reúne a 49 partidos nacionalistas, rexionalistas e autonomistas de toda a Unión Europea, que representan a nacións sen Estado, novos Estados emerxentes, e minorías europeas, entre elas o BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG