O BNG disposto a apoiar unha folga xeral para recuperar os dereitos roubados durante a crise

1 de maio en Vigo
1 de maio en Vigo

Ana Pontón: “Non podemos continuar con salarios e pensións que cada vez chegan a menos nin vendo como aumenta a desigualdade coas mulleres”

Denuncia a dobre estafa que soporta Galiza: A de Raxoi e a derivada da subordinación de Feixóo

O BNG disposto a apoiar unha folga xeral para recuperar os dereitos roubados durante a crise

A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a representación do BNG na manifestación nacional do Primeiro de Maio convocada pola CIG en Vigo, na que avanzou a total disposición do Bloque para apoiar unha folga xeral como medida de mobilización social para recuperar os dereitos roubados durante a crise.

“Urxe unha resposta social contundente e por iso desde o BNG acollemos con bos ollos a proposta que lanza a CIG dunha folga xeral como resposta ao roubo de dereitos, ante a precariedade, ante o paro, ante a estafa das pensións”, salientou Pontón, por iso, a mobilización do 1ºM “ten que ser o primeiro paso para camiñar cara esa resposta social”.

A dirixente nacionalista considera que a mobilización e folga xeral están máis que xustificadas ante salarios e pensións que non permiten unha vida digna e ante a discriminación crecente contra as mulleres.

1 de maio en Vigo“Non podemos continuar con salarios e pensións que cada vez chegan a menos, non podemos continuara vendo como cada vez hai unha maior discriminación coas mulleres porque non se toma nota das reivindicacións de igualdade”, denunciou, “por iso a mobilización do Primeiro de Maio ten que ser un catalizador de todo ese malestar social e, desde Galiza, camiñar cara unha folga xeral que nos permita unha resposta contundente porque sabemos que ninguén nos vai regalar ningún dereito senón o reconquistamos”, alegou.

Pontón reflexionou ademais sobre o feito de que Galiza soporta unha dobre estafa de dereitos, a de Raxoi e a de Feixóo. “Estáfanos Raxoi porque recorta dereitos e recorta as pensións, pero tamén nos estafa Feixóo coa súa incapacidade para defender os intereses deste país e coa súa submisión a Madrid, que nos trae máis paro, precariedade e emigración. Temos unha inmensa riqueza, pero non temos un goberno capaz de poñer esa riqueza a producir en beneficio a maioría social”, denuncio.

Despois de comprobar como as forzas estatais foron incapaces de derroga as contrarreformas laborais de PP e PSOE e de leis que van contra a maioría social como a Lei Mordaza, Pontón instou a tomar decisións desde Galiza.

“Para reconquistar eses dereitos non podemos estar agardando polos demais, senón que teñen que ser os e as traballadoras deste país quenes dean unha resposta contundente tanto este primeiro de Maio como ao longo de todo ano”, e empezar a darlle a volta a un modelo económico “no que cada vez os ricos son máis ricos e a clase traballadora máis pobre”, concluíu.