BNG destaca a calidade alimentaria da produción cárnica galega desde unha gandería extensiva respectuosa co medio

Mini Rivas
Mini Rivas
Rivas pide que non se culpabilice ao sector tras un ano moi duro para as explotacións e avoga polo consumo de produto galego de proximidade

O BNG defende ao sector cárnico de Galiza cunha gandería de vacún e ovino-cabrún que non só destaca pola súa alta calidade alimentaria senón por ser maioritariamente extensiva e, por tanto, respectuosa co medio ambiente, ademais de ser clave como actividade económica para manter vivo o rural, actuando como freo á despoboación e ao abandono do territorio, nun País que ten nos lumes un dos seus principais problemas ambientais.

Neste sentido, a formación nacionalista a través do seu portavoz parlamentario de Medio Rural, Xosé Luís Rivas, pide “prudencia” nas declaracións que se fan desde o Goberno do Estado e critica que se culpabilice “inxustamente” a un sector moi impactado economicamente pola pandemia, e para o que as declaracións do titular de Consumo “supoñen un mazo inxustificado”.

Neste sentido, Rivas destaca que onde hai que poñer o foco é “nun modelo de consumo que importa masivamente alimentos producidos a miles de quilómetros en condicións sanitarias e laborais que non están homologadas coas do País, mentres que, ao mesmo tempo, temos 300.000 hectáreas agrogandeiras abandonadas ou infrautilizadas cun Goberno da Xunta indolente ante ese abandono de terras e sen a máis mínima preocupación por cuestións como a soberanía alimentaria”.

"A gandaría de carne de vacún e ovino-cabrún en Galiza é maioritariamente extensiva, aliada na loita contra o cambio climático, fundamental para vertebrar o territorio e asentar poboación, temos unha produción de proximidade de calidade e, no caso do vacún,  o sector máis potente de todo o Estado”, recalcou.

O BNG considera, ademais, que cuestións complexas como a dunha alimentación saudable require un debate serio e sosegado, que tamén teña en conta cuestións como a pobreza de moitas familias para poñer na súas mesas precisamente carne de calidade como a que produce o sector en Galiza.

E, ao tempo, hai que diferenciar entre as explotacións agrogandeiras extensivas e sustentables maioritarias neste País das explotacións intensivas e depredadoras co medio ambiente doutras latitudes das que, como denunciaba Rivas, se importan toneladas de carne para o consumo tamén en Galiza.

A formación nacionalista apoia ao sector cárnico galego, que aporta alimentos de gran calidade cunha produción respectuosa do medio ambiente e apela a consumir o produto local, de proximidade e quilómetro cero: bo para a saúde e bo para o medio ambiente.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG